31 de ago. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés continúa mostrando carácter e é campión da Supercopa de Galicia (24-18) 

O equipo baixomiñoto pechou a pretemporada na tarde de onte en Tui cunha nova vitoria incontestable ante o Balonmán Porriño, pola que é campión da Supercopa de Galicia 

As de Prades comezaron golpeando cun primeiro cuarto potente, aínda que o Porriño se achegou para ameazar co empate cara ao descanso. Á volta dos vestiarios, con todo, as baixomiñotas certificaron a vitoria cunha segunda parte moi superior 

O Guardés prepárase xa para o inicio ligueiro, que será o 9 de setembro na Sangriña 

Rosane Serrano nunha acción sobre á porta do BM Porriño, defendida por Ana Marín
Foto: FGBM

Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés é campión da Supercopa de Galicia. As de José Ignacio Prades pecharon este domingo a pretemporada cunha nova vitoria de categoría en Tui, a terceira e que supón un pleno dos seus encontros ante o Balonmán Porriño do último mes, e que lle outorga ademais o seu primeiro título do novo curso. 

 O Atlético Guardés saíu á pista con forza, levantado por unha defensa 5-1 na que destacou a habitual potencia de Noelia Solla para verse completada polo brazo de Elena Martínez ao ataque. O equipo baixomiñoto asestou o primeiro 3-1 para liderar de xeito contundente os seguintes minutos, aínda que pronto reaccionou o rival porriñés. Os sete metros deron ás ás de Isma Martínez, que ameazaban xa co empate tan pronto como no minuto 15 (6-5), para aproveitarse a continuación doutras perdas e erros non forzados pola parte guardesa do duelo e pechar o período asegurándose unha distancia pouco segura (11-9, min. 30). 

 As de Prades utilizaron o descanso para reaxustar esforzos, buscando evitar as precipitacións ofensivas que marcaran as últimas accións, cedendo numerosos balóns ao Porriño; e reconfigurando a estratexia defensiva para recuperar o peche en banda inicial e facer crecer o oco no marcador. O plan saíu á perfección, pois saíron á segunda parte cun 4-0 que deixou, pola súa banda, ao compatriota cunha seca de goles que superou os dez minutos (15-9, min. 40).  

 A nova barreira, agora 6-0, na que destacaron Elena Martínez e María Palomo, volveu mostrar a súa garra característica para anular por completo un ataque porriñés que se viu superado. As de Isma Martínez tiveron varios argumentos ao seu favor, como as expulsións de Noelia Solla primeiro (por acumulación de exclusións, no minuto 48) e da lateral de Mislata despois (con vermella directa, no 54); ou o feito de que aínda persistían certas accións desesperadas no contraataque guardés que evitaron que a renda se disparase aínda máis na súa contra. E, así as cousas, non lograron aproveitalas para manterse toda a segunda metade moi por detrás en esforzos, chegando á rede de Ana Marín en apenas sete ocasións e certificando o título autonómico para as da Guarda por unha vantaxe de seis goles (24-18, final). 

 O Atlético Guardés pecha así unha pretemporada de valiosa quilometraxe, e que deixa un balance de catro vitorias e dúas derrotas. En total, unha folla de roteiro claro para a liga que comeza o próximo 9 de setembro na Sangriña (20.30 horas ante o Grafometal A Rioxa): seguir explotando o seu punto forte, esta garra defensiva que tanto potencial de poñelo difícil ten no curso entrante, para dar renda solta así a un ataque combina experiencia con mocidade e no que xa comezan a brillar algúns nomes.   

Club Balonmán Atlético Guardés (9+15): Sabina Mínguez (p.), África Sempere, Silvia Leiras, Blazka Hauptman (1), Aintzane García, Cecilia Cacheda, María Palomo (2), Rosane Serrano (3), Elena Martínez (7), Cristina Cifuentes (1), Carme Castro (5), Daniela García (1), Nerea Gil (1), Ania Ramos (2), Noelia Solla (1) e Ana Marín (p.). 

Conservas Orbe Zendal BM Porriño (11+7): Adriana Mallo (1), Alicia Campo (1), Iria Benaches (1), Isa Ferrarin (p.), Julia Pestana (1), Viktoria Zsembery (1), Bruna Dias (3), Aroa Fernández (5), Adriana Rial (1), Carmen Prelchi, María Rodríguez, Delfina Ojea (1), Ugazi Manterola (2), Raquel Blanco, Andrea Sáez (4) e Daniela Fernández (1). 

Marcador cada cinco minutos: 3-1, 4-2, 6-5, 9-6, 10-8, 11-9, 14-9, 15-9, 18-13, 20-13, 21-15, 24-18. 

Árbitros: Ángel Mateos e Andrés Rosendo. Amoestaron con tarxeta amarela á local Noelia Solla e á visitante Adriana Mallo e excluíron con dous minutos ás locais Elena Martínez e Noelia Solla (3) e ás visitantes Iria Benaches (2), Viktoria Zsembery, Bruna Dias (2), Adriana Rial e Delfina Ojea. Expulsaron con tarxeta vermella por acumulación de exclusións á local Noelia Solla (min. 48) e con tarxeta vermella directa á local Elena Martínez (min. 54). 

Incidencias: Final da Supercopa de Galicia, disputada no pavillón municipal Gustavo Rodríguez, de Tui. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario