Camposancos viaxa ao ritmo do tango con «Tangos Memorables»
Ricardo Rodríguez Vicente/Camposancos
A música e a imaxe volverán darse a man este venres, 14 de agosto, en Camposancos, cunha proposta que promete mergullar o público na historia, nas voces e nos compases dun dos xéneros musicais máis recoñecibles e apaixonantes: o tango.
A Casa da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos acollerá, a partir das 20:30 horas, a proxección de «Tangos Memorables», un audiovisual realizado, montado e dirixido por Ignasi Castelló, cidadán catalán que mantén desde hai anos unha estreita relación con A Guarda e, particularmente, con Camposancos, localidade na que adoita pasar os veráns coa súa familia.
Castelló, enxeñeiro forestal e xubilado tras exercer como xefe de Parques e Xardíns de Barcelona, converteu a súa estadía estival en Camposancos nunha oportunidade para compartir co vecindario e cos visitantes outra das súas grandes afeccións: a música. Músico no seu tempo libre, formou parte dunha banda de música catalá e, durante as súas permanencias en A Guarda, incorporouse tamén á Agrupación Musical de A Guarda, coa que participa en concertos e pasarrúas.
A súa faceta musical acompáñase, ademais, dun interese polo audiovisual que o leva a elaborar cada ano un novo traballo, sempre cunha temática diferente. Nesta ocasión, o protagonista é o tango, nunha produción que combina filmacións antigas e modernas para ofrecer unha visión divulgativa e amena dun xénero que naceu da mestura de culturas e que acabou conquistando escenarios de todo o mundo.
«Tangos Memorables» achegará ao público ás orixes e características do tango, tanto na súa dimensión de canción como na de baile. O percorrido permitirá coñecer tamén algunhas das letras máis significativas, así como lembrar a grandes intérpretes e orquestras que contribuíron a converter o tango nunha expresión musical universal.
Todo iso estará acompañado polos comentarios do propio Ignasi Castelló, que exercerá de guía ao longo do audiovisual, achegando explicacións e anécdotas desde unha perspectiva persoal e próxima. A proposta pretende, deste xeito, combinar o interese histórico e musical cunha presentación entretida, capaz de achegar o tango tanto a quen xa coñece e aprecia o xénero como a quen queira descubrilo por primeira vez.
A actividade celebrarase na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos e terá entrada gratuíta ata completar a capacidade do recinto.
Unha nova achega cultural de Ignasi Castelló que permitirá, neste caso, que Camposancos se deixe levar durante unha tarde polos acordes, as historias, as voces e os pasos dun xénero nacido para ser escoitado, cantado e, sobre todo, bailado.

Ningún comentario:
Publicar un comentario