O MAGO TETO PECHA O CICLO MIÚDO VERÁN CO ESPECTÁCULO “GALEROCK & MAGIC”
• A función terá lugar este xoves, 13 de agosto, ás 20:30 horas, no Auditorio de San Bieito
Infogauda/A Guarda
O Miúdo Verán chega este xoves, 13 de agosto á súa última cita cunha proposta que combina maxia, humor e música da man do Mago Teto. O espectáculo “Galerock & Magic”, gañador do Premio do Público Festaclown 2025, chegará ás 20:30 horas ao Auditorio de San Bieito.
Durante aproximadamente 70 minutos, o Mago Teto propón unha viaxe pola historia do rock e da música galega a través da maxia, a música en directo e o humor. A montaxe percorre diferentes momentos e referentes da cultura musical galega, dende o fenómeno do Xabarín Club ata as bandas actuais que están a contribuír a situar novamente a música en galego no panorama musical.
“Galerock & Magic” está concibido como un espectáculo para todos os públicos, con numerosas referencias culturais e unha posta en escena dinámica que busca sorprender e emocionar tanto ás persoas máis novas como ás adultas. A combinación de ilusión e música converte esta proposta nunha forma orixinal de achegarse á cultura galega e á súa historia musical.
Con esta actuación, o Miúdo Verán pon o broche final á súa edición deste ano cunha proposta familiar e participativa que permitirá ao público gozar dunha tarde noite de maxia en directo.

.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario