12 de ago. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés continúa a pretempada en Villacelama este xoves 

As de Prades inauguran mañá xoves, o Summer Bag para medirse ao descendido Aula Valladolid (18.00 horas) na primeira semifinal do torneo amigable de Villacelama 

O Super Amara Bera Bera e o convidado Benfica protagonizan a outra semifinal, decidindo a composición dos duelos pola final e o terceiro posto do venres 


Equipo sénior feminino do Atlético Guardés temporada 2026/2027
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes/A Guarda  

 O Atlético Guardés continúa coa súa ocupada pretempada. As de José Ignacio Prades emprenderán mañá, xoves, 13 de agosto, a primeira viaxe do curso para disputar a semifinal do Torneo Summer Bag de Villacelama ante o Aula Valladolid (18.00 horas). 

 O equipo baixomiñoto chega despois dunha primeira toma de sensacións moi positiva. O pasado sábado, A Sangriña puido ver como as súas resistían e mantiñan posicións ante un Conservas Orbe Zendal Porriño igualmente decidido á vitoria, pero que rematou por sucumbir fronte a un ataque local mellor encamiñado nos últimos minutos. Roto o xeo sobre as pistas, as de José Ignacio Prades diríxense mañá á segunda cita da pretempada, o tradicional Summer Bag de Villacelama que compartirán con outros tres vellos coñecidos. 

 O primeiro asalto para o Atlético Guardés trátase da primeira semifinal, que será ás 18.00 horas ante un Aula Valladolid desexoso de tomarse o pulso nun dos seus primeiros encontros tralo seu descenso da elite. O conxunto pucelano, dirixido agora por Francisco Javier Rujas, é un dos tres organizadores do evento nesta pequena localidade leonesa. 

 A segunda semifinal da xornada de mañá protagonizarana o tamén anfitrión Super Amara Bera Bera e o convidado desta edición, o luso SL Benfica, ás 20.00 horas. O actual campión do Summer Bag proporá un reto a un rival portugués que segue a medir forzas cos equipos españois a cada oportunidade que ten de facelo. 

 A xornada do venres, 15 celebrarase en horario de mañá, cos perdedores do xoves xogándose o terceiro posto ás 11.00 hora e coa grande final entre gañadores ás 13.00. En calquera caso, tratarse dunha nova proba de nivel para un Atlético Guardés renovado pero con determinación, que a semana pasada amosou un grande potencial á hora de saber facer funcionar tódalas súas pezas.    

AXENDA 

VIII Summer Bag 

Semifinal 1 

Caja Rural Aula Valladolid – Club Balonmán Atlético Guardés  

Xoves, 13 de agosto | 18.00 horas | Polideportivo de Villacelama (León)| 

Retransmisión: https://www.youtube.com/live/B-nF4olDc5w      

Ningún comentario:

Publicar un comentario