BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés chama á súa afección a “escribir a seguinte páxina” da súa historia coa súa campaña de socios
• Xa están dispoñibles os abonos e carnés de socio para a nova tempada do equipo baixomiñoto. O lema deste 2026/2027, cos cambios organizativos e deportivos vividos nos últimos meses, chama ao apoio da afección para “escribir a seguinte páxina” da historia da entidade da súa man
• Os abonos inclúen unicamente os encontros de liga regular, con asento reservado por un plus no prezo. O carné de socios outorga acceso a tódalas competicións, así como dereito a voto nas asembleas
• Os prezos e opcións sufriron variacións moi leves, coa novidade de que desaparece o abono de empresa. A posibilidade de pago fraccionado mantense
Cadro de xogadoras e persoal técnico do equipo sénior feminino do Club Balonmán Atlético Guardés temporada 2026/2027
Foto: CBAG
Redacción Deportes/A Guarda
O Club Balonmán Atlético Guardés pide á súa afección escribir a seguinte páxina da súa historia xuntos. Ese é o lema da nova campaña de abonados e socios que a entidade lanza para esta tempada 2026/2027, marcada por un cadro de persoal renovado, pero especialmente por tódolos cambios organizativos vividos fóra das pistas. Con temática mariñeira e unha chamada á recuperación da identidade local do proxecto, o Atlético Guardés pide o apoio da súa afección cun rango de prezos similar ao da pasada campaña.
Como vén sendo habitual, os seguidores baixomiñotos teñen á súa disposición varias fórmulas para apoiar economicamente ao seu equipo, divididas en dúas categorías diferentes: abonos e carnés de socio. Os primeiros dan acceso unicamente aos partidos da fase regular da Liga Guerreras Iberdrola, polo que tanto as entradas para a competición europea coma o posible play-off polo título ligueiro deberán pagarse a parte.
Ademais, o abono trátase dun título persoal e intransferible, polo que non pode prestarse a outras persoas: a única opción que ata agora permitía esta posibilidade era o abono de empresa, que este curso desaparece. Como novidade, os abonados terán dereito a unha reserva de asento fixo no pavillón da Sangriña por unha taxa adicional de 40 euros sobre o prezo do abono. Por último, mantense a posibilidade de realizar o pago de xeito fraccionado en dúas metades, abonando o 50% ao comezo da tempada e o outro 50% antes do 31 de decembro, e cun incremento de 10 euros sobre o prezo ao contado.
Os prezos detallados dos abonos son os seguintes:
Pola súa parte, ofrécese tamén o habitual carné de socios, que mantén as súas condicións: por 250 euros, outorga acceso a tódolos partidos da tempada do equipo DHF, incluíndo EHF European League e loita polo título da Liga Guerreras Iberdrola. No seu caso, o prezo tamén inclúe a reserva de asento fixo no pavillón e é impersoal, polo que pode prestarse a outras persoas; e dá dereito igualmente a voto nas asembleas de socios. Coma o ano pasado, esta opción non permite o pago fraccionado.
Os abonos e carnés de socio xa poden renovarse ou darse de alta na oficina do Club no pavillón da Sangriña de luns a venres, en horario de 17.00 a 20.00 horas, ou ben enviando unha mensaxe de WhatsApp ao teléfono 669 630 610, onde se detallarán as instrucións e datos precisos para realizar o pago.


Ningún comentario:
Publicar un comentario