25 de ago. de 2026

A GUARDA

Laroá levará a A Guarda a súa viaxe sonora con Porque non hei de cantar

A Guarda acollerá o 3 de setembro, ás 21.00 horas, a proposta de músicas do mundo do grupo Laroá, dentro do ciclo Son Verán da Deputación de Pontevedra


Laroá
Foto: Cedida

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 A música tradicional pode mirar cara ao futuro sen perder as súas raíces. Esa é, en boa medida, a filosofía que sustenta a proposta de Laroá, formación que o vindeiro 3 de setembro, ás 21.00 horas, chegará a A Guarda para ofrecer o espectáculo Porqué non hei de cantar, dentro da programación do ciclo Son Verán, promovido pola Deputación de Pontevedra.  

 Nacido a principios de 2016, Laroá xurdiu da inquietude de varios músicos decididos a explorar os territorios comúns entre a música de raíz, o jazz e os ritmos tradicionais da Península Ibérica. Desde entón, a formación foi construíndo unha linguaxe propia na que as influencias lusófonas ocupan un lugar destacado, pero na que tamén hai espazo para os sons mediterráneos, latinos e para diferentes expresións da música tradicional.

 O resultado é unha proposta de Música do mundo que combina instrumentos, voces, percusións e diferentes linguaxes escénicas para crear unha música de amplo espectro, chea de matices, texturas e ambientes. Laroá reivindica así unha creación libre e independente, capaz de reinterpretar formas tradicionais e trasladalas a un territorio sonoro contemporáneo.  

Unha viaxe entre tradición e vangarda  

 Porque non hei de cantar nace dun traballo de investigación e creación no que a música comparte protagonismo coa danza, a percusión e a videocreación. O espectáculo propón unha auténtica viaxe sonora na que os ritmos tradicionais e tribais das percusións ibéricas se mesturan coas melodías de raíz lusófona e cunha potente dimensión visual.

 A escena convértese así nun espazo de encontro entre pasado e presente. A música tradicional non aparece como unha peza de museo, senón como unha materia viva susceptible de ser transformada, reinterpretada e devolta ao público con novas cores.  

 Nesa viaxe tamén está presente Camiños, unha proposta que resume boa parte do espírito de Laroá: músicas do mundo, jazz, tradición, frescura e vitalidade nunha mestura que procura conectar directamente cos espectadores. O obxectivo é crear unha experiencia compartida, tanto para quen sente a necesidade de bailar como para quen prefire deixarse levar pola música desde a contemplación.

 É, en definitiva, unha invitación ao encontro. Ao encontro entre músicos e público, entre diferentes culturas e ritmos, entre a memoria e a creación contemporánea.

 E nese diálogo entre tempos e culturas encaixa tamén a evocación do canto tradicional: “O camiño dás estrelas vai chegando as casas novas...”, un verso que parece resumir a vontade de Laroá de percorrer novos camiños sen esquecer de onde procede a súa música.

Nove artistas sobre o escenario  

 A proposta conta cun amplo elenco de músicos e artistas. Diana Tarín achega voz e percusión; Javi “Gdjazz”, trompeta, flugel e corno; Rafa Morales, baixo e voces; Antonio “Monano”, teclados; Miguel Fraguas, percusión, whistle, gaita e danza; Franc Gorriz, batería e percusión; Laura “Taka” e Anaïs Barbier, voces e percusión. A dimensión audiovisual correrá a cargo de Juan Cella, responsable da videocreación.  

 Unha formación plural que permite a Laroá ampliar considerablemente a súa paleta sonora e converter o concerto nunha experiencia que vai máis alá da interpretación musical.

Son Verán, música e patrimonio  

 A actuación de Laroá forma parte da nova edición do Ciclo Son Verán, iniciativa do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra que se desenvolve entre os meses de xullo e setembro de 2026 en diferentes municipios da provincia.  

 O ciclo nace coa intención de consolidarse como unha proposta cultural estable e complementar as programacións musicais dos concellos con artistas e agrupacións de gran calidade e con propostas alternativas. Ópera, musical e escénica, música tradicional e celta e músicas do mundo forman parte dun programa que procura tamén establecer un diálogo entre creación artística e patrimonio.

 Son trece actuacións repartidas por diferentes comarcas, en espazos culturais e patrimoniais de referencia, coa vontade de achegar a música a lugares singulares e contribuír á posta en valor do patrimonio artístico e natural da provincia.  

 A Guarda sumarase así a este percorrido coa presenza de Laroá. Un concerto que promete transformar durante unhas horas o espazo escénico nun punto de encontro de tradicións, culturas e linguaxes musicais. Unha viaxe na que os sons de sempre se atopan con novas formas de expresión e na que, como suxire o propio título do espectáculo, a música formula unha pregunta que leva implícita a resposta: por qué non cantar?

Ningún comentario:

Publicar un comentario