23 de xul. de 2026

VIGO

Condena a Stellantis Vigo por mal interpretar o dereito de permiso retribuído por repouso domiciliario de familiares 

Malia que o ET estabelece cinco días para o coidado, a empresa limita a ausencia a un día cando na prescrición médica non consta a concreción temporal 


Vista da sede de Stellantis en Vigo
Foto: CIG

Infogauda/Vigo

 A Sala do Social nº 2 de Vigo condenou a Stellantis por mal interpretar o Artigo 37.3b do Estatuto das persoas traballadoras, que estabelece o dereito a un permiso retribuído de cinco días por accidente ou enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización dun familiar que precise de repouso domiciliario. 

 A sección sindical da CIG explica que, até agora, nos casos nos que se prescribía esta necesidade de repouso domiciliario pero o/a facultativo/a non facía constar unha concreción temporal da mesma, a empresa “decidía que a persoa enferma non precisaba máis coidados e á persoa traballadora concedíalle ‘de favor’ un só día natural máis de permiso, asegurándolle que non tiña máis dereito”. 

 Para a representación da CIG trátase dunha interpretación arbitraria a favor dos intereses da dirección que vai encontra da norma.  

Descontos nas nóminas 

 Cando varias persoas traballadoras decidiron acollerse a este dereito, facendo uso dos cinco días de permiso retribuído para coidar os seus familiares, tal e como recoñece o ET, “a resposta da dirección de Stellantis foi aplicarlle descontos nos salarios polos días de ausencia, máis a parte correspondente da paga extraordinaria”. 

 Ante esta vulneración dos seus dereitos, as persoas afectadas presentaron denuncia a través da asesoría xurídica da CIG. Nun primeiro caso, a empresa chegou a acordo antes de celebrar o xuízo, admitindo que o traballador tiña razón e que coa documentación achegada se xustificaban os días de permiso retribuído, abonándolle as contías descontadas. 

 No segundo dos casos, a empresa non quixo conciliar e celebrouse xuízo “cuxo resultado foi unha sentenza estimatoria para o traballador, pola que se condena a Stellantis a pagar a cantidade descontada da nómina e os intereses de demora”.  

 Para a sección sindical da CIG -que nestes momento non ten representación no comité de empresa- resulta sorprendente que a maioría dos sindicatos que conforman o comité non denunciaran estas prácticas patronais “que van en contra dos dereitos das persoas traballadoras e incluso poden por en perigo a saúde dos seus familiares”, nin tampouco instaran a compañía a facer unha interpretación acorde á lei. 

 Ademais desta restrición nos dereitos, a sección sindical da CIG relata outros casos de “avaricia da dirección” que chegou incluso a descontarlle a un traballador os días na nómina que lle correspondían polo ingreso dun familiar. Tras presentar a correspondente demanda, tamén a través da CIG, “a empresa acordou devolverlle os cartos na porta do xulgado”. 

 A sección sindical da CIG advirte que non vai consentir este tipo de abusos da dirección “que por querer reducir custes mesmo incumpre a lei”. E pon en valor que “agora as persoas traballadoras de Stellantis si poderán coller o permiso completo se así o precisan”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario