BESTEIRO: “Á TERCEIRA VAI A VENCIDA. HOXE, PESE A RUEDA, CUMPRIMOS COA DEMANDA HISTÓRICA DE QUE A AP-9 SEXA POR FIN GALEGA”
• O secretario xeral do PSdeG valorou desde Bos Aires o paso dado hoxe no Congreso e instou a Rueda a sentarse na comisión bilateral co Estado para facer efectiva a competencia canto antes
• A deputada do PSdeG Patricia Otero defendeu o acordo da Cámara baixa, que “garante que o Estado asumirá as consecuencias derivadas das decisións anteriores ao traspaso”
Infogauda/Madrid
“Á terceira vai a vencida. Hoxe, pese a Rueda, cumprimos coa demanda histórica de que a AP-9 sexa por fin galega”. Así se pronunciou o secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, despois de que o Congreso dos Deputados ratificara a proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico (AP-9) á Comunidade Autónoma de Galicia.
Besteiro lembrou que, a partir de agora, tócalle á comisión bilateral precisar os termos nos que se materializa o traspaso e instou a Rueda a sentarse a negociar co Estado para facer efectiva canto antes esa nova competencia para Galicia.
A Cámara baixa rexeitou esta tarde as emendas introducidas no Senado por un PP “que dicía que quería a transferencia, pero o único que buscaba era unha confrontación máis co Goberno de Pedro Sánchez”, criticou a deputada do PSdeG Patricia Otero.
A parlamentaria socialista felicitouse durante a súa intervención por “un paso decisivo” e criticou os intentos de boicot por parte dun Partido Popular que “lles deu as costas” aos galegos e galegas. Celebrou tamén que a lei saia adiante pese á oposición do PP e ás “manipulacións e mentiras” de Rueda, “que leva toda a semana tratando de enganar á cidadanía galega”.
Otero defendeu que o texto aprobado “garante que o Estado asumirá as consecuencias derivadas das decisións anteriores ao traspaso, e a Xunta as derivadas das decisións posteriores”. “Está moi claro. Só fai falla saber ler”, engadiu.
“O PP xera os problemas e o PSOE pon as solucións”
A deputada socialista recordou que “Aznar prorrogou a concesión e o PP galego non se opuxo, e en 2003 privatizou a autoestrada”. “Agora ten que ser o Goberno de Pedro Sánchez o que alivie a carga das peaxes con bonificacións de ata un 75 %”, destacou. “O PP xera os problemas e o PSOE pon as solucións”, sinalou.
Patricia Otero advertiu dos próximos pasos dos populares, que durante os seus mandatos no Estado bloqueaban incluso a toma en consideración da lei de transferencia, “cun presidente galego e unha presidenta do Congreso galega”. “Cal vai ser o seguinte bloqueo? Na Comisión Bilateral? Vanse negar a sentarse a falar? Van incumprir esta lei orgánica?, preguntou dirixíndose aos escanos do Grupo Popular, nos que non se atopaba Feijoo pese a estarse tratando un asunto “que levaba no seu programa do 2009”. “Será o seu xeito de absentismo”, ironizou.
Otero recomendoulles aos populares que deixen “as pataletas”, e á Xunta, que estableza nas súas autoestradas as mesmas bonificacións que existen na AP-9.


Ningún comentario:
Publicar un comentario