Visita guiada da profesora Marta Cendón Fernández titulada “Las huellas de 800 años de arte en la catedral de Tui”
• Terá lugar o martes, 28 de xullo no ciclo “Coñece o noso patrimonio” do Instituto de Estudios Tudenses
Infogauda/Tui
O próximo martes, 28 de xullo, continúa o ciclo Coñece o noso patrimonio que organiza o Instituto de Estudios Tudenses coa colaboración do Concello de Tui. Será cunha nova visita, nesta ocasión a cargo da catedrática e profesora de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández titulada “Las huellas de 800 años de arte en la catedral de Tui”. Esta visita comezará no pórtico da catedral.
A investigadora tudense licenciouse en 1989 coa especialidade de Arte Antiga e Medieval; é doutora pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese sobre “Iconografía funeraria del obispo en la Castilla de los Trastámara” (1995) dirixida por Dr. Manuel Núñez Rodríguez. Ademais, realizou estudos en Estrasburgo, Madrid, París e Perugia. Ten realizados diversos traballos de investigación recollidos en varios libros e numerosos artigos. Entre as súas principais publicacións destaca "La catedral de Tui en época medieval", un templo ao que ten dedicado unha especial atención en numerosos traballos e proxectos de investigación. Marta Cendón é unha das maiores especialistas na arte de época medieval en Galicia e na actualidade é presidenta do Instituto de Estudios Tudenses.
A concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana María Núñez Álvarez, agradece este iniciativa do Instituto de Estudios Tudenses que promove un achegamento aos bens patrimoniais tudenses contribuíndo a súa promoción e difusión, especialmente da catedral agora que estamos celebrando o oitocentos aniversario da súa consagración.

Ningún comentario:
Publicar un comentario