11 de xul. de 2026

TUI

O Festival “Danza no Camiño” chega a Tui   

  Julia Laport, Sólodos e Daniel Rodríguez Cía. actuarán o vindeiro martes, a partir das 20 h na praza da igrexa de San Telmo 




Infogauda/Tui

 A oitava edición do festival Danza no Camiño recalará o próximo martes, 14 de xullo, en Tui, cunha proposta que presenta a creación coreográfica galega nun entorno patrimonial como é a praza da igrexa de San Telmo, no corazón do conxunto histórico.  

 O VIII festival Danza no Camiño comezou o pasado 1 de xullo. Até o 19 de xullo visita vinte municipios de nove provincias españolas, entre eles Tui.  

 Aquí en Tui o próximo martes ás 20 h, na praza da igrexa de San Telmo, o festival presenta os espectáculos de tres compañías galegas. Así  o público poderá gozar con Extender como si pudiera, de Julia Laport; Mover Cenizas, que asina Sólodos, o dúo formado por Maruxa Salas e Erick Jiménez, e A raíz de, de Daniel Rodríguez Cía.  

 Con Extender como si pudiera, a creadora Julia Laport busca situar o corpo no límite, colocarse no límite do corpo, na capa máis externa antes do outro, «estenderse como se o meu corpo fose meu, como se houbera algo máis, coma se puidera difuminar as marxes da pel para vivir na ilusión dun corpo sen límites”, explica.  

 Maruxa Salas e Erick Jiménez, integrantes de Sólodos, presentarán Mover Cenizas, unha proposta artística que se inspira nesa idea de ‘cinza’ como residuo do devastado, o desértico e a poética do que queda, permanece e se transforma. Un espectáculo que convida a «estar no presente da vida e vivilo», a «rexurdir, seguir e andar no camiño da vida».  

 Finalmente, A raíz de, de Daniel Rodríguez Cía, é unha reivindicación «do corpo coma ese instrumento capaz de dar vida hoxe ás historias de onte e permitir que a tradición e a contemporaneidade dialoguen nun so ser, onde residen pasado e presente, para construír un discurso de futuro».  

 O Concello de Tui colabora nesta iniciativa dirixida polo coreógrafo Alberto Estébanez, organizada por Cidanz Producciones coa colaboración da Junta de Castilla e León. O festival conta coa produción de SóLODOS, e o patrocinio da Xunta de Galicia e Xacobeo 2026. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario