28 de xul. de 2026

TOMIÑO

O Concello de Tomiño califica de decepcionante o anuncio da Xunta sobre a VAC Tui–A Guarda 

•  A alcaldesa lamenta que, tras máis de 20 anos de atraso, o único anunciado sexa o concurso para redactar unha pequena parte do seguinte tramo, faltando aínda a maioría do proxecto


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, nun momento da visita da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, no que se informou da licitación da redacción do proxecto do treito da VAC Tui–A Guarda comprendido entre o enlace da PO-350 e o barrio da Ponte, en Taborda
Foto: CT

Infogauda/Tomiño

 O Concello de Tomiño califica de decepcionante o anuncio realizado este martes pola Xunta de Galicia durante a visita da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, no que se informou da licitación da redacción do proxecto do treito da VAC Tui–A Guarda comprendido entre o enlace da PO-350 e o barrio da Ponte, en Taborda. 

 A alcaldesa, Sandra González, acompañada por membros do goberno municipal, asistiu ao acto por responsabilidade institucional e para coñecer de primeira man o alcance do anuncio. Porén, considera que este novo trámite administrativo resulta claramente insuficiente para unha infraestrutura que acumula anos de atraso e que continúa sen ofrecer unha resposta ás necesidades de mobilidade do Baixo Miño. 

 Para o Concello, a Xunta está a tratar de compensar o atraso desta infraestrutura con sucesivos anuncios que, na práctica, non supoñen un avance real na súa execución. O anunciado este martes non é a licitación das obras, senón unicamente da redacción do proxecto, un procedemento que, por si só, pode prolongarse durante aproximadamente un ano. Unha vez rematado, será preciso tramitar as expropiacións dos terreos afectados e, posteriormente, licitar as obras, un novo proceso administrativo que tamén require un longo período de tramitación antes de que poida iniciarse a súa execución. 

 A esta situación engádese que a Xunta presenta agora de forma independente unha parte do treito central da autovía, sen que iso supoña un avance no conxunto da infraestrutura. O resto do trazado continúa sen proxectos redactados, sen calendario e sen novidades, afastando unha vez máis a execución dunha vía fundamental para Tomiño, O Rosal e A Guarda. 

 A alcaldesa, Sandra González, amosou a súa preocupación pola falta de avances reais: "Hoxe viñeron anunciarnos que nin sequera teñen os proxectos redactados, polo que, despois de tantos anos, só confirmamos que a autovía segue sen horizonte de execución. Está claro que a veciñanza non precisa máis anuncios; precisa obras e un calendario claro para facer realidade esta infraestrutura".

Ningún comentario:

Publicar un comentario