28 de xul. de 2026

TOMIÑO

Conciliaverán bate récords en Tomiño con máis de 650 participantes  

  O Concello pechou esta edición dos campamentos municipais cun maior investimento, unha oferta ampliada con novas propostas e unha elevada participación  


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o concelleiro de Deportes, Rubén García, nunha visita aos participantes no Conciliaverán tomiñés

Foto: CT

Infogauda/Tomiño 

 O Conciliaverán tomiñés bate todos os récords. O Concello de Tomiño puxo en marcha este ano a edición máis ambiciosa dos seus campamentos de verán, consolidando un dos servizos máis demandados polas familias durante as vacacións escolares. Con máis de 650 nenos e nenas inscritos, o programa conta este verán conta co maior número de participantes da súa historia, así como coa súa maior variedade de actividades, coas que se ofrecen alternativas de lecer educativo e se fomentan hábitos de vida saudables entre a infancia e a mocidade. 

 Cun investimento de máis de 70.000 euros, a programación de Conciliaverán ampliouse este ano con novas iniciativas como o campamento de arte e costura e o campamento tecnolóxico, que se sumaron aos xa consolidados campamentos deportivos e ao Conciliaverán Urbano, que volveu completar todas as súas prazas. Entre as actividades con maior demanda volveron situarse os campamentos deportivos, tamén con maior número total de prazas. O de fútbol, desenvolvido en tres sedes, reúne a 160 participantes, mentres que o de tenis conta con 56 inscritos, o de patinaxe con 52 e o de acrobacia con 37. Pola súa banda, o campamento urbano alcanzou os 115 participantes, cubrindo a totalidade das prazas ofertadas. 

 Un dos piares do programa foi, un ano máis, a colaboración co tecido asociativo e deportivo do municipio e da comarca, facendo posible unha oferta diversa e de calidade grazas ao traballo conxunto do Concello con clubs e entidades especializadas. 

 Como explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “levamos anos desenvolvendo os campamentos de verán, pero nunca contaramos cunha oferta tan ampla nin cun investimento tan importante como nesta edición. Conciliaverán converteuse nun proxecto esencial para moitas familias porque facilita a conciliación durante os meses de vacacións e, ao mesmo tempo, ofrece á infancia e á mocidade espazos seguros nos que aprender, divertirse e crear novas amizades”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Rubén García, agradeceu tamén “a enorme confianza depositada polas familias, que cada ano fan medrar este programa, así como a implicación das monitoras e monitores, dos clubs deportivos e das asociacións que colaboran connosco para facer posible unha programación tan completa”. 

 O Concello de Tomiño reafirma así a súa aposta por un modelo de campamentos que vai máis alá do coidado da infancia, combinando deporte, creatividade, tecnoloxía, convivencia e educación en valores nunha oferta adaptada aos intereses das novas xeracións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario