28 de xul. de 2026

TOMIÑO

O BNG denuncia que a Xunta do PP “condena ao Baixo Miño a outros 25 anos máis de espera pola autovía” 

•   O BNG califica unha “tomadura de pelo” que a Conselleira viñera a Tomiño anunciar a licitación da redacción dun proxecto de apenas 2 quilómetros. 

• O BNG presentará unha iniciativa no Parlamento Galego para instar a Xunta á redacción do proxecto completo da infraestructura ata Goián e a establecer un plan plurianual de investimento cun calendario concreto. 


Información publicada no periódico A Peneira, en decembro de 2004
Fonte: Arquivo BNG/Tomiño

Infogauda/Tomiño

 O BNG de Tomiño denunciou hoxe que a Xunta "condena o Baixo Miño a outros 25 anos de espera" coa súa forma de xestionar a autovía do Baixo Miño, despois de que a conselleira de Infraestruturas acudise ao municipio para anunciar unicamente a licitación da redacción do proxecto dun pequeno tramo entre Piñeiro e Taborda, de apenas dous quilómetros. 

 Para a formación nacionalista, o acto celebrado hoxe en Tomiño foi "un novo exercicio de propaganda politica" co que o Goberno do PP pretende presentar como un gran avance o que, na realidade, non deixa de ser un trámite administrativo previo. 

 "O que a conselleira anunciou hoxe non foi a autovía. Non anunciou obras, non anunciou un calendario de execución e non anunciou cando poderá estar rematada esta infraestrutura. O único que anunciou foi a licitación da redacción dun proxecto para dous quilómetros de trazado", sinala o portavoz municipal, Uxío Benítez. 

 A formación lembra que a autovía do Baixo Miño leva sendo prometida desde o ano 2003 e que, despois de case 25 anos de anuncios, compromisos incumpridos e fotografías institucionais, a realidade é que a comarca continúa sen esta infraestrutura fundamental. 

Un anuncio baleiro de contido só para “vender fume”

 O BNG considera especialmente grave que a Xunta pretenda vender como un avance histórico a licitación da redacción dun proxecto que aínda tardará anos en converterse nunha obra executada. Unha vez licitado e adxudicado o contrato, será necesario redactar o proxecto, tramitalo e aprobalo para poder iniciar posteriormente unha nova fase de licitación das obras, adxudicación e execución. 

 "É dicir, despois de case un cuarto de século de espera, a Xunta veu a Tomiño anunciar que, con sorte, dentro de dous anos haberá un proxecto para dous quilómetros de autovía. Isto non é un avance. Isto é unha auténtica tomadura de pelo á veciñanza do Baixo Miño", explica Benítez.

 Desde o BNG advirten de que, se para avanzar dous quilómetros son necesarios anos de trámites administrativos, "a este ritmo a comarca corre o risco de ter que esperar outros 25 anos para ver rematada unha autovía que xa debería estar executada". 

A Xunta segue sen un plan para completar a autovía ata Goián 

 Para a formación nacionalista, o problema de fondo non é só o atraso acumulado, senón que a Xunta segue sen presentar unha planificación integral para completar a infraestrutura. "O problema xa non é que a autovía chegue tarde. O problema é que, despois de case 25 anos, a Xunta segue sen ter un plan para rematala". 

 O BNG cuestiona por que o Goberno galego continúa fragmentando a actuación en pequenos tramos en lugar de redactar o proxecto completo do trazado pendente ata Goián. "Se a Xunta tivese vontade real de facer a autovía, o lóxico sería redactar dunha vez o proxecto completo. O que fai é dividir a infraestrutura en pequenos anacos para poder seguir facendo anuncios, fotografías e titulares cada poucos anos sen asumir o compromiso de executar a obra na súa totalidade". 

 A formación nacionalista denuncia que esta política de "anuncios por fascículos" converte unha infraestrutura estratéxica para o Baixo Miño nunha ferramenta de propaganda permanente. 

O BNG levará a cuestión ao Parlamento de Galicia 

 Ante esta situación, o BNG anuncia que presentará unha iniciativa no Parlamento de Galicia para esixir á Xunta que abandone esta política e redacte o proxecto completo da autovía entre o enlace coa A-55 e Goián, acompañado dun calendario de execución e dunha planificación orzamentaria clara. 

 "Despois de 25 anos, a cidadania do Baixo Miño non precisa de máis promesas nen de anuncios de pequenos trámites administrativos. Necesita un proxecto global, financiamento suficiente e un compromiso político firme para construír dunha vez por todas unha infraestrutura imprescindible para a mobilidade, a seguranza viaria e o desenvolvemento económico da comarca".

Ningún comentario:

Publicar un comentario