A Xunta de Galicia impulsa en Tui tres cursos de formación en oficios artesanais no marco do Festival Música no Claustro
• Tras dez anos de colaboración continuada con este evento de referencia, a Xunta cambia o formato de ‘Resonancias’ para converterse nun lugar de espazo de práctica dos oficios artesanais vinculados á construción de instrumentos musicais
• A Fundación Artesanía de Galicia abre as inscricións para dous cursos de mantemento de instrumentos musicais e un de ilustración, que se celebrarán en Tui entre os días 4 e 6 de agosto
Infogauda/Tui
A Fundación Artesanía de Galicia colabora por décimo primeiro ano consecutivo co Festival Música no Claustro, que se celebrará na Catedral de Tui entre os días 1 e 7 de agosto, a través da programación Resonancias 26 que este ano cambia de formato e deixa de ser un foro de debate para converterse nun lugar de espazo para a práctica dos oficios vinculados á construción artesanal de instrumentos musicais. Entre os días 4 e 6 de agosto terán lugar dous cursos de mantemento de instrumentos musicais e un curso de ilustración que se celebrarán no marco do Festival e para os que xa están abertas as inscricións na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia e de Música no Claustro.
O denominado Espazo lutier ábrese o martes 4 de agosto co obradoiro de mantemento de instrumentos de vento madeira, impartido por Adrián Vilaboa. Nel, o lutier introduce os aspectos básicos da construción e mantemento de frautas, clarinetes, óboes e saxofóns, seguido dunha sesión práctica de análise e mellora do instrumento de cada participante.
O mércores 5 de agosto celebrarase o obradoiro de mantemento de instrumentos de corda fretada, a cargo do lutier José Catoira, inscrito en Artesanía de Galicia. Neste taller abordaranse os aspectos básicos da construción e mantemento de violíns, violas, violonchelos, contrabaixos e instrumentos de música antiga, seguido tamén dunha sesión práctica de análise e mellora do instrumento de cada participante.
O Espazo lutier desenvolverase en horario de 16,00 a 19,00 h. e contará con dez prazas por curso. Diríxese a lutieres e intérpretes, así como a estudantes de música a partir de Grao Profesional ou Superior. O custo de cada taller é de 30 euros para o público xeral e de 20 euros no caso dos titulares de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia.
Debuxar o son
Entre o martes 4 e o xoves 6 de agosto, en horario de 16,00 a 20,00 h., desenvolverase o obradoiro Debuxar o son, impartido pola ilustradora e artesá Iria Prol, co obxectivo de documentar o Festival Música no Claustro a través das ilustracións dun caderno persoal. A arquitectura da catedral de Tui e os instrumentos musicais serán os protagonistas, xunto cos materiais e ferramentas de construción nas mans das persoas artesás.
Traballarase en formato caderno mediante exercicios breves, bosquexos rápidos, debuxo en directo e momentos máis pausados para desenvolver e compartir os resultados. Cada participante rematará a experiencia cun caderno propio, un pequeno arquivo visual de tres días de música, artesanía, patrimonio e creación.
Para este obradoiro de 12 horas de duración hai tamén 10 prazas dispoñibles. O custo é de 50 euros para o público en xeral e de 40 euros para os titulares de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
O martes 4 a actividade centrarase na arquitectura do claustro e da Catedral, ademais de debuxar durante o obradoiro de mantemento de instrumentos de vento madeira. O mércores 5 estará enfocada no órgano e nos instrumentos de corda fretada, combinando bosquexos rápidos e páxinas máis elaboradas.
O xoves 6 realizarase debuxo en directo durante o ensaio dunha formación musical no claustro. Traballaranse figuras, movemento e composición, e pecharase o taller revisando os cadernos e creando unha páxina final de síntese. Como actividade complementaria, debuxaranse os concertos que terán lugar cada un dos tres días ás 21,00 h.



Ningún comentario:
Publicar un comentario