8 de xul. de 2026

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA E A ASOCIACIÓN PIUEIRO ANIMAN A PARTICIPAR NA TERCEIRA EDICIÓN DE A ROSEGHA: DOUS DÍAS DE MODELISMO NAVAL, OFICIOS E MEMORIA MARIÑEIRA

• O alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, e o presidente da Asociación Piueiro, Joaquín Cadilla, presentaron o programa da cita, que se celebrará os días 11 e 12 de xullo baixo o lema "Unindo pobos"

• A carpa da explanada do porto acollerá navegación de maquetas diúrna e nocturna, obradoiros, charlas, exposicións, música tradicional e saídas no volanteiro Piueiro, coa colaboración do Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra


Presentación da terceira edición de “A Rosegha”
Foto: CAG

Mar Bermúdez/A Guarda

 O porto da Guarda prepárase para converterse, unha vez máis, no corazón mariñeiro da vila. A terceira edición de A Rosegha, que se celebrará a fin de semana do 11 e 12 de xullo, foi presentada polo alcalde e deputado provincial, Roberto José Álvarez Carrero, polo concelleiro de Cultura, Celso Rodríguez Fariñas, e polo presidente da Asociación Piueiro, Joaquín Cadilla, que está ao fronte da entidade organizadora dun encontro que medra ano a ano e que xa se consolidou como unha das citas do verán guardés. 

 Durante o acto, o alcalde destacou o significado da celebración para o municipio. "A Rosegha é xa unha das citas que mellor contan o que é A Guarda. Nun mesmo espazo conviven os que construíron a nosa memoria mariñeira e os que a van herdar, e iso non o consegue calquera festa. O Concello vai estar sempre ao lado dun proxecto que nace da veciñanza e que proxecta a nosa identidade moito máis alá do Baixo Miño", afirmou Álvarez Carrero, que agradeceu tamén o apoio da Deputación de Pontevedra e a implicación do voluntariado, dos comercios e das familias guardesas.  

 Pola súa parte, Joaquín Cadilla reivindicou o espírito comunitario e interxeracional que define o encontro. "A Rosegha non é unha exhibición de maquetas, é unha maneira de vivir e de sentir o que somos. Cada barco que navega na carpa leva detrás horas de traballo, moita paciencia e, sobre todo, a memoria dos que saíron ao mar antes ca nós. O noso empeño é que esa memoria non quede gardada, senón que se comparta, se toque e se aprenda", sinalou, agradecendo a colaboración de todas as persoas, entidades e institucións que fan posible esta terceira edición. 

 Porque A Rosegha demostra, cada mes de xullo, que hai barcos que non precisan mar aberto para contar a historia dun pobo. Chega con velos navegar a escala nunha carpa do porto, guiados con paciencia por mans que saben que detrás de cada casco, cada vela e cada marca mariñeira hai un xeito de entender a vida. Arredor deles xúntanse afeccionados ao modelismo naval, maiores que gardan oficio e lembranza, familias, visitantes e rapazada, nun patrimonio que só segue vivo cando se transmite. 

 O programa arrancará o sábado, 11 ás 10.00 horas coa chegada ao porto de O Trebón dos Xidos, que iniciará o pasarrúas desde a carpa instalada na explanada portuaria. Desde ese momento, o recinto funcionará como punto de encontro do modelismo naval, das embarcacións tradicionais e da memoria mariñeira da vila. 

 As maquetas serán o fío condutor da xornada, con quendas de navegación dedicadas a barcos de guerra, embarcacións tradicionais de vela, barcos de pesca, barcos de manobra e navegación libre. A rapazada terá o seu propio espazo na navegación infantil, onde poderá botar á auga os barcos elaborados nos obradoiros ou utilizar maquetas facilitadas pola organización. E como broche do día, a partir das 00.00 horas chegará a navegación nocturna, que se prolongará ata o peche. 

 A vertente participativa apóiase nos obradoiros, pensados para achegarse aos oficios e ás expresións máis populares da cultura mariñeira. O sábado ás 11.00 horas haberá un taller de návoas, os tradicionais barquiños de cortiza de sobreira, e pola tarde continuarán as sesións con arxila e novas návoas. O domingo pola mañá repetirase a fórmula, con obradoiros de arxila e návoas desde as 11.00 horas e unha nova sesión de arxila ás 12.00 horas. As prazas son limitadas e a inscrición realizarase na carpa. 

 A divulgación terá tamén o seu oco. O sábado ás 12.00 horas presentarase o libro "A vela latina guardesa", de Jairo Alonso Lomba, dedicado a unha das sinais de identidade náutica da vila, e ás 13.00 horas José Antonio Álvarez Rocha impartirá a charla "Os barcos de vapor na Guarda durante o primeiro cuarto do século XX". 

 Pola tarde, a rampla do porto acollerá ás 16.00 horas unha exhibición e regata de veleiros de radiocontrol da clase IOM. Ás 18.00 horas, Xosé Iglesias explicará "O porqué de construír un libro como Nao cetácea", ás 19.00 horas comezará unha exhibición de construción tradicional de vela e ás 19.30 horas sairá unha visita guiada pola Guarda mariñeira, con prazas limitadas e inscrición previa. 

 Durante toda a fin de semana permanecerán abertas as exposicións de maquetas de embarcacións de diferentes tipoloxías, material marítimo-pesqueiro e marcas mariñeiras, ademais dunha mostra de barcos de lata que achega a vertente máis popular, manual e doméstica da relación da vila co mar. 

 Quen queira vivir o mar desde dentro poderá facelo nas saídas de navegación no volanteiro Piueiro, a embarcación tradicional recuperada pola asociación. As travesías, duns 50 minutos de duración, realizaranse o sábado en catro quendas: ás 11.30 e 12.30 horas pola mañá, e ás 17.00 e 18.00 horas pola tarde, con inscrición na carpa ata completar prazas. 

 O domingo 12 de xullo a actividade continuará pola mañá con novas navegacións de maquetas e obradoiros, ademais de dous momentos moi vinculados á tradición local: ás 12.00 horas chegará á carpa o pasarrúas do Grupo de Gaitas do Club de Xubilados e Pensionistas da Guarda e, nesa mesma franxa, celebrarase o izado de velas dos antigos gameleiros. A entrega de premios e a clausura poñerán o punto final ás 13.00 horas.  Maquetas, embarcacións tradicionais, música, libros, oficios, relatos e navegación compartirán espazo durante dous días no porto da Guarda. Esa mestura, directa, participativa e moi guardesa, é a que fai de A Rosegha algo máis ca unha festa: un xeito de manter viva a memoria mariñeira e de compartila con quen xa a coñece e con quen a descobre por primeira vez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario