O GALIFORNIA BEAT REGRESARÁ OS DÍAS 31 DE XULLO E 1 DE AGOSTO PARA CONVERTER Á GUARDA EN EPICENTRO DA CULTURA URBANA
• A entrada será libre e haberá concertos, competicións, talleres, exhibicións e unha ampla zona gastronómica
Infogauda/A Guarda
O Concello da Guarda e a organización do Galifornia Beat presentaron onte unha nova edición, que se celebrará os días 31 de xullo e 1 de agosto no porto da Guarda, na contorna do Skate Park. O evento consolídase un ano máis como unha das citas de referencia da cultura urbana en Galicia, cunha programación que combinará música, deporte e lecer para todos os públicos.
Na presentación participaron o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o tenente alcalde, Óscar Alonso Álvarez; así como os membros da organización do Galifornia Beat, Julio Esperanza e Alberto Castro, quen deron a coñecer os principais detalles desta nova edición.
Durante dous días, o as persoas asistentes poderán gozar dun amplo programa de actividades con entrada libre, que incluirá actuacións musicais en directo, sesións de DJ e numerosas propostas relacionadas coa cultura urbana.
O cartel musical contará coas actuacións de Lie Detectors, Pelazo, Boston Babies, Thee Cha Cha Chas, Santos Morcegos!!!, Los Retumbes, Youcanthide, Crema Witch, Puto, Unfinished Grounds e Visera, ademais das sesións de DJ Pruden e DJ Furry Destroyer, que completarán a programación musical do festival.
O deporte volverá ser protagonista da cita coa celebración das competicións de patinaxe nas modalidades bowl, street, best trick e chimpo, ás que se sumarán talleres e exhibicións de streetfootball, parkour, flatland, skateboard school e graffiti, ofrecendo actividades para persoas de todas as idades e niveis.
Como complemento á programación, o recinto contará cunha zona gastro con diferentes gastronetas, convertendo o porto da Guarda nun espazo de encontro para desfrutar da mellor música, do deporte urbano e da gastronomía nun ambiente festivo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario