San Bieito "do vrán" volverá reunir aos devotos na súa tradicional romaría da Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
A igrexa de San Bieito da Guarda prepárase para vivir unha nova edición da romaría de San Bieito "do vrán", unha das celebracións relixiosas con maior arraigamento na vila e que cada verán congrega a centos de fieis e romeiros arredor da figura do santo.
O programa comezou coa celebración da novena, que está tendo terá lugar entre os días 2 e 10 de xullo. Durante ese período, o rezo do rosario e da novena dará comezo ás 18.30 horas, para continuar coa celebración da eucaristía ás 19.00 horas.
Os actos culminarán coa tradicional romaría, que se desenvolverá o sábado, 11 de xullo. A igrexa acollerá misas ás 8.30, 9.30 e 10.30 horas, mentres que a celebración solemne das 11.30 horas constituirá o momento central da festividade. Ao seu remate, a imaxe de San Bieito sairá en procesión polos arredores do templo (rúas Concepción Arenal, praza de José María Lomba - coñecida popularmente como O Terrado -, Malteses, A Ribeira,...) acompañada polos numerosos devotos que cada ano participan neste acto. A programación completarase cunha última eucaristía ás 19.00 horas.
Todas as celebracións terán como escenario a histórica igrexa de San Bieito, pertencente ao antigo Convento da Transfiguración do Señor, un espazo de fonda tradición relixiosa que continúa sendo un dos principais centros de devoción da comarca.
Entre os ritos máis característicos da romaría destaca a ofrenda de exvotos de cera, unha práctica que continúa moi presente entre os fieis. As figuras antropomorfas e as representacións de distintas partes do corpo deposítanse aos pés do santo como mostra de agradecemento ou para solicitar a súa protección, especialmente fronte ás doenzas da pel, das que San Bieito é considerado tradicionalmente avogado.
A celebración volverá converter a Guarda nun punto de encontro para os devotos do santo, mantendo viva unha tradición centenaria que cada verán combina o sentimento relixioso coa conservación dun dos costumes máis singulares do patrimonio espiritual e cultural da vila.


Ningún comentario:
Publicar un comentario