O Rosal descubre paso a paso os muíños do Folón e do Picón
• O Concello organiza en agosto seis visitas guiadas con rutas interpretativas e actividades para público xeral e familiar
O Rosal volve apostar este verán por unha forma diferente de achegarse ao seu patrimonio, convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a percorrer os Muíños do Folón e do Picón
Foto: COR
Infogauda/O Rosal
Cada pedra, cada rego e cada recuncho do Folón e do Picón agochan séculos de historia que este verán volverán cobrar vida. O Rosal volve apostar este verán por unha forma diferente de achegarse ao seu patrimonio, convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a percorrer os Muíños do Folón e do Picón e a súa contorna natural a través de experiencias que mesturan historia, paisaxe, natureza e participación.
Durante o mes de agosto, o Concello desenvolverá un programa con seis visitas guiadas gratuítas, unha iniciativa pensada para descubrir desde novas perspectivas este enclave declarado Ben de Interese Cultural (BIC). A programación inclúe catro rutas interpretativas para público xeral e dúas actividades especialmente deseñadas para familias con nenas e nenos, ofrecendo unha experiencia adaptada a diferentes idades e intereses.
As rutas contarán con guía oficial e proporá en cada sesión unha temática distinta para ofrecer unha visión renovada dos muíños e da súa contorna. As persoas participantes poderán coñecer a historia, a etnografía, a paisaxe, o patrimonio inmaterial e a riqueza ambiental do lugar a través de fotografías antigas, obxectos vinculados á moenda, réplicas, mostras de fariñas, materiais interpretativos e dinámicas participativas que permitirán aprender dunha maneira amena e interactiva.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “os Muíños do Folón e do Picón son un dos grandes símbolos do noso patrimonio e queremos que cada vez máis persoas os descubran dun xeito diferente, comprendendo non só a súa beleza, senón tamén as historias, os oficios e as formas de vida que gardan entre as súas pedras”. A rexedora salientou que “estas rutas son unha oportunidade para desfrutar da natureza ao tempo que poñemos en valor a nosa identidade e fomentamos un turismo sostible, respectuoso e conectado co territorio”.
As catro rutas interpretativas xerais celebraranse os mércores 5, 12, 19 e 26 de agosto, sempre ás 10.30 horas, cun percorrido circular de 3,6 quilómetros, unha duración aproximada de dúas horas e media e dificultade moderada. Cada unha delas ofrecerá un enfoque diferente: desde a vida arredor dos muíños e a súa relación coa comunidade ata a paisaxe cultural, o papel da auga na configuración do territorio ou os relatos e a memoria que forman parte deste espazo único.
Pola súa banda, as familias con crianzas poderán participar os venres 7 e 14 de agosto, tamén ás 10.30 horas, na actividade "Muíños en Familia", un percorrido adaptado para nenas e nenos de entre 4 e 10 anos no que, mediante xogos, probas e enigmas, descubrirán os segredos deste conxunto patrimonial dunha forma divertida e inmersiva.
O concelleiro de Turismo, José Carlos Martínez Crespo, subliñou que “queremos que quen visite o Rosal leve moito máis ca unha fotografía. O noso obxectivo é ofrecer experiencias que permitan comprender o valor do patrimonio e crear unha conexión emocional co territorio”. Martínez Crespo explicou que “estas visitas combinan divulgación, participación e natureza para que cada persoa descubra algo novo. Esa capacidade de sorprender e de ofrecer contidos diferentes é unha das grandes fortalezas desta proposta”.
Todas as actividades son gratuítas, contan con prazas limitadas e requiren inscrición previa a través do correo patri@amodoturismo.com ou do WhatsApp 677 783 296. As rutas para público xeral admiten un máximo de 20 participantes por sesión, mentres que as actividades familiares están limitadas a seis familias.
Con esta iniciativa, o Concello do Rosal reforza a súa aposta por un turismo sostible e experiencial, que invita a descubrir o patrimonio cultural e natural do municipio desde unha perspectiva participativa, contribuíndo á súa conservación e á difusión dun dos espazos máis emblemáticos do Baixo Miño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario