20 de xul. de 2026

O ROSAL

A XXXIV Feira do Viño do Rosal despídese da súa edición máis histórica  

 A gran afluencia de público, o éxito das actividades familiares e a excelente resposta ás adegas, marcan a edición máis multitudinaria 

 

Vista parcial da praza do Calvario na XXXIV Feira do Viño do Rosal
Fotos: COR

Infogauda/O Rosal

 A XXXIV Feira do Viño do Rosal despediuse este domingo tras tres xornadas que deixan unha edición histórica para o municipio. A praza do Calvario rexistrou durante toda a fin de semana a maior afluencia de público da historia da feira, consolidando esta cita como un dos grandes referentes do verán en Galicia.  Durante a clausura da feira, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que esta edición “deixa imaxes que xa forman parte da historia da Feira do Viño”. “Ver a Praza do Calvario chea durante toda a fin de semana, con persoas de todas as idades compartindo viño, cultura e momentos en común, é a mellor mostra de que esta feira segue medrando sen perder a súa esencia. 

 O Rosal volveu demostrar que é un lugar para celebrar o noso territorio e para compartilo con todas as persoas que nos visitan”.  

 A excelente resposta do público reflectiuse tamén nas adegas participantes, que coincidiron en sinalar o elevado ritmo de degustacións e vendas ao longo dos tres días, chegando aos maiores rexistros dos últimos anos e confirmando o gran momento que vive a Feira do Viño do Rosal.  

 Pola súa banda, o presidente da Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal, Carlos Gómez, pon en valor o papel das adegas e o interese crecente do público polos viños da subzona. “Foi unha fin de semana extraordinaria para as adegas. Sentimos un enorme interese polos nosos viños e comprobamos, unha vez máis, que a Feira é o mellor escaparate para achegar o traballo que realizamos durante todo o ano e seguir poñendo en valor a identidade vitivinícola do Rosal”.  


O espectáculo itinerante Girafes nun momento da súa actuación

 A programación desta XXXIV edición confirmou tamén a apostou por unha feira pensada para todos os públicos. Concertos, exposicións, obradoiros, visitas guiadas, actividades culturais e propostas gastronómicas reuniron durante toda a fin de semana a milleiros de persoas nun ambiente de convivencia arredor do viño e do territorio. A fin de semana estivo especialmente marcada polo ambiente familiar, cunha elevada participación nas actividades dirixidas á cativada. Destacou o espectáculo itinerante Girafes, de Xirriquiteula Teatre, converténdose nun dos momentos máis agardados e propiciando a interacción constante entre as xirafas e as numerosas familias presentes.  

 A principal novidade desta edición, o Túnel do Viño, recibiu tamén unha excelente acollida, reforzando a dimensión divulgativa da feira e ofrecendo ao público unha nova forma de achegarse á riqueza e diversidade dos viños do Rosal.  

 Remata así unha edición histórica que consolida a súa evolución nos últimos anos e reafirma o seu papel como escaparate do viño, da cultura e do patrimonio do municipio, facendo do Rosal un gran punto de encontro arredor das persoas e do territorio.  

 A XXXIV Feira do Viño do Rosal está organizada polo Concello do Rosal e a Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal, e conta co apoio dos fondos europeos a través do Programa de Cooperación INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e de Abanca. A colaboración destas entidades fai posible o desenvolvemento dunha cita que promove o viño do Rosal, o seu territorio, a súa cultura e o seu patrimonio.nvolvemento seu patrimonio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario