O PSOE propón iniciar a creación dunha estación intermodal para transformar a mobilidade do Porriño
• A moción socialista solicita declarar o proxecto de interese estratéxico, consensuar as posibles localizacións e realizar nun prazo de seis meses un estudo de demanda e viabilidade
Infogauda/O Porriño
O Grupo Municipal Socialista levará ao próximo pleno unha moción para iniciar unha folla de ruta institucional destinada á creación dunha estación intermodal de transporte no Porriño.
O municipio é un dos principais centros industriais e de comunicacións do sur de Galicia. Conta con 20.965 habitantes e cunha elevada poboación flotante vinculada aos polígonos industriais, ao comercio, aos centros educativos e aos servizos públicos. Porén, continúa sen unha terminal moderna que concentre os servizos de autobús e facilite a conexión co tren, o taxi, o transporte urbano e parroquial, a bicicleta e os percorridos peonís.
“O Porriño precisa unha estación intermodal adaptada á súa realidade industrial e social. Non presentamos unha localización decidida nin unha promesa sen respaldo: propoñemos estudar as alternativas, acordar a mellor solución e buscar o financiamento necesario”, afirma David Alonso Bargiela, portavoz do Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de O Porriño.
Consenso sobre a localización
A moción propón declarar de interese estratéxico municipal a creación da estación intermodal e convocar, no prazo máximo dun mes, unha Xunta de Portavoces monográfica coa participación dos servizos técnicos municipais. Nesa reunión deberán establecerse os criterios e as posibles alternativas de localización, atendendo á dispoñibilidade e custo do solo, ao planeamento urbanístico, aos accesos, á conexión coa estación ferroviaria, á seguridade viaria, ao impacto ambiental e a integración urbana.
Os socialistas consideran que unha decisión desta importancia non debe adoptarse unilateralmente, senon apoiarse en informes técnicos e procurar o maior consenso político e institucional posible.
Un estudo completo nun prazo de seis meses
Tras acordar os criterios de localización, o Goberno municipal deberá promover, nun prazo máximo de seis meses, un estudo de demanda e viabilidade técnica, económica, ambiental e urbanística.
O documento deberá determinar o emprazamento máis adecuado e definir o programa funcional da futura infraestrutura, incluíndo os espazos destinados aos autobuses, taxis, transporte urbano, bicicletas, peóns, información ás persoas usuarias e servizos complementarios.
“A moción non obriga a comprar mañá unha parcela, nin a licitar unha obra sen estudos. Induce a comezar a traballar, establecer prazos e render contas ante o Pleno”, explica Alonso Bargiela.
Colaboración entre administracións
A iniciativa socialista solicita a participación da Xunta de Galicia e do Goberno de España, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, de Adif e de Renfe.
O obxectivo e promover un convenio que concrete a participación da Xunta, do Estado, do Concello e, de ser preciso, da Deputación de Pontevedra, tanto na planificación como no financiamento da infraestrutura.
A proposta toma como referencia outras estacións intermodais galegas, nas que a Xunta asumiu a terminal de autobuses, os concellos colaboraron co solo, os accesos e a integración urbana, e o Estado executou as actuacións ferroviarias correspondentes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario