Oia acollerá este domingo unha nova edición do Encontro dos Pobos
Infogauda/Oia
A veciñanza de Oia e persoas visitantes poderán asistir este domingo, 26 de xullo, ás 20.00 horas a unha nova edición do Festival Internacional Encontro dos Pobos, unha cita xa consolidada no calendario cultural do Baixo Miño que, organizada polo grupo guardés Do Lusco ó Fusco, promove o intercambio entre diferentes tradicións musicais e culturais.
O concerto celebrarase na praza Centinela e reunirá sobre o escenario as agrupacións locais Tra-lo Mosteiro (Oia) e Do Lusco ó Fusco (A Guarda) e as formacións rumanas Doina Ilfovului e Vatra Buftei, que achegarán ao público unha mostra da riqueza do folclore do seu país a través da música, o baile e os traxes tradicionais.
O Encontro dos Pobos celebra este ano a súa XXXI edición, consolidándose como un festival de referencia na promoción da música tradicional e no achegamento entre culturas. Ao longo de catro xornadas, o programa percorre os municipios de Tomiño, O Rosal, Oia e A Guarda, convertendo o Baixo Miño nun espazo de encontro arredor da tradición, a convivencia e o patrimonio cultural inmaterial.
O Concello de Oia anima á veciñanza a achegarse á Praza Centinela para desfrutar desta proposta cultural gratuíta, que permitirá coñecer músicas e danzas doutras culturas sen esquecer o protagonismo das agrupacións locais.
Con motivo da celebración do concerto, a zona da Praza Centinela e o casco histórico de Oia permanecerá pechada ao tráfico entre as 19.00 e as 22.00 horas, co fin de garantir o correcto desenvolvemento da actividade e a seguridade do público asistente.

Ningún comentario:
Publicar un comentario