11 de xul. de 2026

MEDIO AMBIENTE

Ángeles Vázquez salienta o traballo dos centros de recuperación de fauna silvestre da Xunta e incide na importancia da colaboración cidadá na conservación e protección da biodiversidade 

  A conselleira lembra que en caso de localizar un animal ferido, non debe manipularse e cómpre avisar ao teléfono 112 ou aos axentes ambientais da Xunta para que sexan os profesionais os que coordinen a súa recollida e traslado 


A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na solta dun voitre común e de dous exemplares de miñato abelleiro recuperados no centro do Rodicio 
Foto: X.G.

Infogauda/Chantada (Lugo)

 A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o traballo dos centros de recuperación de fauna silvestre da Xunta e incidiu na importancia da colaboración da cidadanía para garantir a conservación e protección da biodiversidade de Galicia.  

 Nese senso, a conselleira sinalou que a preservación da riqueza ambiental da Comunidade é unha cuestión “que nos afecta a todos” e, por iso, lembrou o que debe facerse ante a localización dalgún animal silvestre ferido ou debilitado. En concreto, non debe manipularse o exemplar salvo que resulte imprescindible e cómpre avisar ao teléfono 112 ou aos axentes ambientais da Xunta para que sexan os profesionais os que coordinen a recollida e traslado do animal ferido, enfermo ou incapacitado ao centro.  

 Tal e como explicou a conselleira, a partir dese momento é o persoal dos centros de recuperación quen se ocupa de prestarlle a asistencia veterinaria especializada, así como de desenvolver os procesos de rehabilitación física adaptados a cada especie. No que levamos de ano nos catro centros que ten a Xunta -un en cada provincia- rexistráronse 253 ingresos.  O obxectivo final é proceder á súa solta cando recuperan plenamente as condicións necesarias para sobrevivir en liberdade, xusto como aconteceu co voitre común (Gyps fulvus) e cos dous exemplares de miñato abelleiro (Pernis apivorus) que se devolveron ao medio natural esta mañá.  

 Segundo explicou a conselleira, que participou no acto de solta celebrado no Monte Faro, no Concello de Chantada, estes tres exemplares recuperáronse no Centro de recuperación de fauna silvestre do Rodicio de diferentes traumatismos que lles impedían voar ou que comprometían a súa supervivencia.  

 Tras completar o tratamento veterinario e o correspondente proceso de rehabilitación, recuperaron plenamente a capacidade de voo, polo que os técnicos certificaron que están en condicións de regresar ao seu hábitat. Todos eles están identificados cunha anela metálica que permitirá o seu seguimento en caso de futuros avistamentos ou novas recuperacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario