As guardesas do balonmán praia galego brillan no CESA 2026 cun subcampionato de España
Infogauda/A Guarda
O balonmán praia deixou unha vez máis grandes momentos para o deporte galego no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) 2026, celebrado en Calella, onde tres guardesas do club destacaron formando parte da Selección Galega Cadete Feminina.
Julia Lomba, Vera Pazos e Ángela Martínez proclamáronse subcampioas de España tras unha brillante participación nun torneo de máximo nivel, demostrando o seu talento, compromiso e capacidade competitiva fronte ás mellores xogadoras do panorama estatal. O seu esforzo e dedicación contribuíron a que Galicia acadase unha meritoria medalla de prata nunha competición esixente e de gran prestixio.
Tamén foi protagonista Valentina Eiras, que representou a Galicia coa Selección Galega Infantil Feminina. A xogadora viviu unha experiencia deportiva inesquecible nun campionato de alto nivel, sumando aprendizaxes e momentos que serán importantes na súa evolución deportiva.
Como recoñecemento á súa progresión e ao seu talento, Ángela Martínez recibiu ademais a convocatoria para participar nas xornadas de tecnificación da Selección Española de Balonmán, que terán lugar do 14 ao 20 de xullo en Burgos. Unha nova oportunidade para seguir medrando e compartir experiencia coas mellores promesas do balonmán nacional.
Estes logros son froito do traballo, a ilusión e a constancia das deportistas, así como do apoio de todas as persoas que forman parte do seu camiño. Parabéns a Julia, Vera, Ángela e Valentina por levar o nome do balonmán galego ben alto.
Moitos éxitos nos próximos retos!

Ningún comentario:
Publicar un comentario