14 de xul. de 2026

GALIZA

A Xunta négase a asinar o protocolo contra a violencia na Axuda no Fogar e o compromiso que garante a aplicación do documento 

 Dende a CIG-Servizos denuncian a falta de implicación do Goberno galego coa seguridade do persoal deste sector esencial 

Infogauda/Galiza

 A reunión celebrada este martes para a sinatura do Protocolo para a Prevención e Actuación ante Situacións de Violencia Laboral Externa no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) -elaborado tras once meses de intenso traballo e negociación entre administracións, organizacións sindicais, entidades profesionais e patronais- deixou en evidencia a absoluta falta de vontade política da Xunta para asegurar a protección efectiva das persoas traballadoras do sector. Xa que a Consellaría de Política Social decidiu non asinar nin o protocolo nin o documento de compromiso que garante a súa aplicación, mentres que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza (ISSGA) limitouse a ratificar unicamente o Protocolo, negándose tamén a asumir o compromiso político e técnico necesario para facer efectivas as medidas acordadas. 

 A proposta impulsada pola CIG contemplaba que o protocolo estivese acompañado dun documento de compromiso para que todas as partes asumisen a obriga de dotar de recursos suficientes, promover as modificacións normativas necesarias e garantir a aplicación real das medidas pactadas. Este documento foi consensuado durante a negociación e adaptado ás achegas realizadas polas distintas entidades participantes. 

 O protocolo elaborado nunha mesa de traballo da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) foi asinado finalmente polos sindicatos CIG, CCOO, UGT e CSIF, polo delegado do Goberno, polo Colexio Oficial de Traballo Social e polas patronais do sector.  

 Por iso o responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, considera a decisión da Xunta “especialmente grave” ao deixar sen respaldo institucional as actuacións que deberan garantir a seguridade e a saúde laboral das traballadoras do SAF. “Sen recursos, sen cambios normativos e sen unha implicación real da Administración autonómica, existe un serio risco de que o protocolo quede reducido a unha simple declaración de intencións”, sinala. 

 Na CIG cualifican de “incomprensible” que precisamente a Consellaría competente en materia de política social e o propio Goberno galego lle dean as costas a un acordo nacido tras o asasinato dunha traballadora do SAF no Porriño e despois de meses de negociación entre todas as partes implicadas. “A negativa da Xunta evidencia unha preocupante falta de sensibilidade ante unha realidade que continúa poñendo en risco a integridade física e psicolóxica das profesionais dos coidados”. Igualmente, para a central sindical resulta “difícil de entender” a posición do ISSGA, organismo responsable da promoción da prevención de riscos laborais en Galiza, que decidiu apoiar formalmente o protocolo pero rexeitou asumir o compromiso que permitiría convertelo nun instrumento eficaz mediante a dotación de medios, seguimento e desenvolvemento das medidas necesarias. 

 Para Pérez, esta actuación confirma que o Goberno galego continúa apostando por un modelo baseado na precarización dos coidados, na insuficiencia de recursos e na externalización dos servizos, “renunciando a exercer a responsabilidade que lle corresponde como garante da seguridade laboral das persoas traballadoras”. 

 Dende a central sindical lembran que non abondan os “anuncios nin as fotografías institucionais”, xa que a protección das traballadoras do SAF “require de decisións políticas, financiamento suficiente e vontade de transformar un modelo que leva anos demostrando as súas graves deficiencias”. 

 Diante disto, a CIG manterá a súa esixencia para que a Xunta rectifique, asine o compromiso acordado e impulse de maneira inmediata as modificacións normativas e orzamentarias necesarias para que o protocolo sexa unha ferramenta útil e efectiva, “e non un documento sen consecuencias prácticas”. 

 “As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar teñen dereito a desempeñar o seu traballo con todas as garantías de seguridade e a regresar vivas e sas ás súas casas ao remate de cada xornada. Ademais, é necesario e imprescindible a negociación do convenio colectivo vencido dende 2012, para darlle resposta ás necesidades do sector e aos compromisos en materia de saúde laboral, así como tamén para incorporar avances en materia salarial e social que axeiten o sector á realidade actual”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario