A Rede Galega de Oficios Vivos arranca este sábado en Ponteareas
Este programa pioneiro de voluntariado interxeracional percorrerá unha vintena de concellos ata o mes de outubro
Foto:XG
Infogauda/Galicia
A Xunta de Galicia pon en marcha a Rede Galega de Oficios Vivos, que arranca este sábado en Ponteareas. Así o deu a coñecer hoxe na Cidade da Cultura a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, que salientou a importancia deste programa pioneiro que busca enxalzar o coñecemento patrimonial e cultural das persoas maiores de 55 anos co fin de conservar os traballos tradicionais e artesanais do rural.
Tal e como explicou a responsable da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañada polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, a localidade pontevedresa acollerá unha xornada téxtil da man de Sandra Bastón, que desenvolve a súa práctica na recuperación e reinterpretación do tecido tradicional galego e que explorará as posibilidades do tear artesanal como ferramenta para conectar memoria, territorio e innovación. Ao día seguinte terá lugar en Cuntis unha xornada en torno á cerámica da man da Fundación Terra Termarum, adicada á protección, investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico a través da loza castrexa.
A Rede Galega de Oficios Vivos está organizada a través de distintas xornadas nas que as persoas voluntarias serán guiadas por persoal experto nos distintos oficios. “O noso obxectivo é mostrar á mocidade todas as oportunidades vitais, así como de emprego e autoemprego, que ten por ofrecerlles o rural, ademais de recuperar os traballos tradicionais, tan ligados á nosa cultura”, explicou a representante de Xuventude.
O proxecto impulsado pola Xunta de Galicia continuará en Tomiño o día 5 de setembro cunha xornada de madeira a cargo de Aitor Martínez, torneiro artístico e artesán que combina tradición, innovación e sustentabilidade, creando pezas únicas. Ao día seguinte, na mesma localidade, será a quenda de Agustín Vázquez, que tratará o traballo da alfarería mostrando a súa obra destacada por unha característica cor amarella que lle aporta o uso de barro autóctono.
O sábado 12 de setembro a rede viaxará ata Ortigueira, cunha actividade que levará a cabo a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, e a Teo (A Coruña), onde as persoas voluntarias estarán acompañados por Belén Leiro, cesteira que desenvolve o seu traballo explorando os materiais locais e as técnicas ancestrais. Ao día seguinte, 13 de setembro, Portomarín (Lugo) acollerá unha xornada da man da artista Eva María, do taller Zoclos, no que realizan zocos de maneira tradicional tendo en conta as medidas do pé de cada cliente. Esta mesma xornada levarase a cabo en Vedra o 19 de setembro. Neste mesmo día, Bande (Ourense) acollerá unha actividade de xoiería impartido por Alumearte, entidade que traballa na creación de xoias e pezas de bixutería en esmalte ao lume.
A continuación, o sábado 26 de setembro Ana Rosa Lista levará a cabo unha actividade sobre o encaixe en Cabanas (A Coruña) e Alumearte guiará en Tui (Pontevedra) unha actividade de xoiería.
Xa no mes de outubro, será a quenda de Mos (Pontevedra) , que o sábado 3 acollerá unha xornada de Zoclos e de Oroso (A Coruña), que contará con Jatafarta, obradoiro especializado no deseño e creación de complementos e pezas de decoración elaboradas con pel de curtido vexetal. O día seguinte, 4 de outubro, o encaixe viaxará ata Camariñas (A Coruña) da man de Ana Rosa, e faráo tamén unha xornada de téxtil en Oia (Pontevedra) por Sandra Bastón.
A programación continuará o sábado 10 de outubro, cunha actividade de artesanía con follas de millo por Ester Rodríguez, e o domingo 11, cunha xornada de cestería por Belén Leiro en O Porriño (Pontevedra) e outro de coiro en Oroso (A Coruña), da man de Jatafarta. O sábado 17 será a quenda dunha actividade de coiro por Cabuxa en Allariz (Ourense), mentres que o domingo 18 Betanzos (A Coruña) acollerá unha actividade de cerámica polo mestre oleiro Alberto Lista. Nese mesmo día, Ribadavia (Ourense) contará cunha xornada de madeira da man de Aitor Martínez.
Finalmente, o sábado 24 dese mesmo mes Geli Martínez impartirá unha actividade sobre as redeiras en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e a entidade Nela Biosense e Nela Gourmet, mostrarán aos participantes o proceso de elaboración da coméstica rural e as mermeladas artesás. As datas nas que esta rede viaxará aos concellos de Rianxo (A Coruña) e Vilalba e Viveiro, en Lugo, atópanse pendentes de confirmar.
Cómpre lembrar que esta iniciativa complementa a convocatoria de desenvolvemento de proxectos de voluntariado interxeracional impulsada pola Xunta con 630.000 euros e que busca dinamizar as áreas rurais aproveitando a experiencia das persoas voluntarias de máis de 55 anos para amosar á xuventude as posibilidades e opcións de desenvolvemento profesional que pode aportar tanto a nivel individual como social.

Ningún comentario:
Publicar un comentario