20 de xul. de 2026

DEPORTES

 BALONMÁN

Lucía Cruces desvincúlase do Atlético Guardés despois de tres anos 

A tudense cesa como coordinadora da base baixomiñota tras unha tempada ocupando o cargo 

Cruces sae do Club por completo, despois dun total de tres anos vinculada como xogadora e adestradora 

 

Lucía Cruces - no centro - desvincúlase por completo do Club despois de tres tempadas asumindo varias funcións na entidade baixomiñota
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes/A Guarda

 A base do Atlético Guardés tamén vivirá grandes cambios na tempada entrante. A tudense Lucía Cruces, actual coordinadora, desvincúlase por completo do Club despois de tres tempadas asumindo varias funcións na mocidade baixomiñota. 

 Cruces chegou ao Guardés por primeira vez no 2023 para exercer de adestradora do equipo Cadete. Pouco a pouco comezou a gañar máis peso na base baixomiñota, xogando no equipo de Sénior Territorial e chegando a formar parte do corpo técnico de practicamente tódolos equipos. Foi a pasada tempada cando deu o paso definitivo de asumir a coordinación da canteira no seu conxunto, recollendo o testemuño de Fabio Lima. 

 Compaxinou este cargo a última campaña co de técnica dos equipos Cadete B e Xuvenil, e despois dun único ano que se acumula a un total de tres vencellada á entidade baixomiñota, a tudense abandona agora por completo o Atlético Guardés para buscar novos retos na súa carreira deportiva.  

 E faino tras deixar unha pegada importante na historia das mocidades do equipo, saldándose a súa coordinación o último curso con éxitos coma o título da Liga Ouro e a consecuente participación no sector Nacional das cadetes, así coma un crecemento substancial na masa de novas atletas interesadas en formar parte do futuro deportivo do balonmán na Guarda. Grazas, Lucía, polo compromiso e o traballo incansable en nome das nosas cores. 

 O Club comunicará nos vindeiros días a identidade do novo coordinador da súa base, así como a estrutura e dirección dos seus diferentes equipos.  

Lucía Cruces: “Aquí medrei como deportista, adestradora e, sobre todo, como persoa. Marcho orgullosa de ter defendido estas cores” 

 A excoordinadora da base guardesa, Lucía Cruces, quixo deixar unhas últimas palabras de valoración sobre o seu extraordinario paso polo Club. “Marcho leda e tranquila”, conta, afirmando que “aquí medrei como deportista, adestradora e, sobre todo, como persoa”. 

 A tudense non esqueceu ás súas múltiples compañeiras de vestiario e banco durante estas tres tempadas, ás que di estar “infinitamente agradecida por todo o vivido”; mais ademais delas, quixo facer unha mención especial “a tódalas persoas que adoitan ser esquecidas, e que traballan día a día na sombra para que isto sexa posible”, coma a afección e as familias que compoñen a base ou os traballadores do Club. Dando grazas á vila baixomiñota e ao seu equipo, Cruces despídese “orgullosa de ter defendido estas cores”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario