30 de xuño de 2026

O BAIXO MIÑO

Aí vén o XXXI Encontro dos Pobos

 Un evento organizado polo grupo Do Lusco ó Fusco, de A Guarda




Infogauda/O Baixo Miño

 O XXXI Encontro dos Pobos xa ten cartel e inicia así a súa conta atrás cara a unha nova edición dun dos festivais folclóricos internacionais máis destacados da nosa contorna. Un ano máis, o evento faise realidade grazas ao traballo constante, á dedicación e ao compromiso das persoas que integran o grupo organizador, que manteñen viva unha cita que segue medrando edición tras edición.  

 Desde a organización, amosan o seu agradecemento máis sincero aos negocios colaboradores, polo seu apoio e confianza continuada, así como ás institucións que fan posible este proxecto cultural: os concellos de Tomiño, O Rosal, Oia e A Guarda, e mais a Deputación de Pontevedra. O seu respaldo, sinalan, resulta imprescindible para que o Encontro dos Pobos poida consolidarse e seguir evolucionando como unha referencia da cultura popular e do intercambio internacional.  

 Nos vindeiros días iremos espallando polo miúdo toda a programación e a presenza dos grupos internacionais desta nova edición, que promete manter o espírito de convivencia, música e tradición que caracteriza o festival.  

 Mentres tanto, a organización anima á veciñanza e ao público en xeral a reservar as datas e sumarse a unha celebración que, unha vez máis, aspira a converterse nunha experiencia compartida arredor da cultura dos pobos. Todo está listo para unha edición que promete ser inesquecible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario