2 de xul. de 2026

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA FAI UN CHAMAMENTO A UN CONSUMO RESPONSABLE DA AUGA DURANTE O VERÁN 

  As recomendacións sinalan evitar o enchido de piscinas e o rego particular para preservar os recursos hídricos e evitar a adopción de medidas máis restritivas 




Infogauda/A Guarda

 O Concello da Guarda solicita á veciñanza facer un uso responsable da auga ante o incremento do consumo que se rexistra durante os meses de verán, coincidindo co aumento da poboación no municipio e coa maior demanda deste recurso esencial. 

 Co obxectivo de garantir o abastecemento e preservar os recursos hídricos, recoméndase evitar o recheo de piscinas e o rego de xardíns, destinando a auga unicamente aos usos prioritarios e ás necesidades básicas da vida diaria como a hixiene persoal ou a preparación de alimentos. 

 Dende o Concello apélase á responsabilidade e á colaboración de toda a veciñanza guardesa para facer un consumo racional da auga, contribuíndo así a manter a estabilidade do servizo durante a época estival. 

 Así mesmo, sinálase que a adopción destas medidas preventivas permitirá afrontar as vindeiras semanas con maiores garantías e intentando evitar a necesidade de medidas máis restritivas se a situación de consumo continúa incrementándose. 

 O Concello da Guarda agradece de antemán a comprensión e implicación da veciñanza, resultando fundamental para protexer un recurso tan valioso como a auga

Ningún comentario:

Publicar un comentario