O Coro Cantábile celebra os seus 40 anos cun memorable concerto no I Festival Sons de Camposancos
Infogauda/Camposancos
A igrexa da Visitación de Santa María de Camposancos converteuse a pasada fin de semana nun extraordinario escenario para a celebración do I Festival Sons de Camposancos, unha cita musical organizada polo Coro Cantábile en colaboración co Concello da Guarda e integrada na programación conmemorativa do 40 aniversario da formación coral.
O concerto reuniu a un numeroso público que encheu o templo para compartir un evento no que a música coral e a emoción foron as auténticas protagonistas. Nun marco de especial beleza e cunha acústica privilexiada, o Coro Cantábile, dirixido por Avelino Ferreira López, ofreceu un coidado repertorio que permitiu poñer en valor a calidade interpretativa dunha agrupación que leva catro décadas promovendo a música coral e enriquecendo a vida cultural da comarca.
Cada unha das interpretacións foi recibida con calorosos aplausos por parte dos asistentes, que seguiron o concerto con atención e entusiasmo, nun ambiente de proximidade e celebración. A actuación serviu tamén para facer un percorrido simbólico pola traxectoria do coro, lembrando o traballo desenvolvido ao longo destes corenta anos e o compromiso de todas as persoas que, dunha ou doutra maneira, contribuíron á súa historia.
Esta primeira edición do Festival Sons de Camposancos nace coa vocación de consolidarse como un referente cultural no calendario estival, apostando pola música coral e pola posta en valor dun espazo patrimonial tan singular como a igrexa da Visitación de Santa María de Camposancos.
Con esta iniciativa, o Coro Cantábile continúa celebrando o seu 40 aniversario compartindo coa veciñanza e cos amantes da música un proxecto que combina tradición, cultura e participación, reafirmando o seu papel como unha das entidades culturais máis representativas da Guarda e da súa contorna.

Ningún comentario:
Publicar un comentario