O Colectivo Amigos do Camiño Portugués da Costa celebrará o décimo aniversario deste itinerario ao seu paso pola Guarda
Antón Ferreira/A Guarda
O recén creado “Colectivo de Amigos do Camiño Portugués da Costa”, con sede na Guarda, prepara unha serie de actividades para celebrar neste municipio o décimo aniversario da oficialización do Camiño, que se conmemorará o vindeiro 16 de agosto, data na que entrou en vigor a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, aprobada tres meses antes (o 4 de maio de 2016) polo Parlamento de Galicia, pola que se declaraba o Camiño Portugués da Costa co mesmo rango que os outros camiños de Santiago.
Unha andaina guiada, unha exposición e unha conferencia son algúns dos actos previstos por este colectivo, que fixo un compilatorio dos inicios deste itinerario, hoxe a terceira ruta máis demandada dos camiños de Santiago e a piques de situarse en segundo lugar tras o Camiño Francés. O seu impacto económico na vila da Guarda posibilitou novos servizos, contribuíu a desestacionalizar o turismo e situou á Guarda no mapa ao pasar por este concello peregrinos procedentes de máis de 150 nacionalidades.
Despois dos traballos de investigación e divulgación do Camiño Portugués da Costa levados a cabo pola Asociación de Amigos de los Pazos, que se traduciron na publicación, en 2002, de “El Camino Portugués de la Costa”, uns anos despois o Concello da Guarda, sendo alcalde José Manuel Domínguez Freitas e concelleiros de Cultura e Patrimonio Antonio Lomba e Javier Crespo, respectivamente, xunto cos colaboradores Antón Ferreira e Ramón Delgado, comezaron a traballar para promocionar este itinerario xacobeo, sentando os piares aos que se sumarían os demais concellos do tramo galego para que aquel Camiño trazado, entre outros, por Grato E. Amor Moreno e Carlos del Río Bouzas contase cunha primeira sinalización que facilitase o paso dos peregrinos polo termo municipal da Guarda. Entre os primeiros peregrinos do Camiño Portugués da Costa seguindo o itinerario proposto pola Asociación de Amigos de los Pazos, están Antón Ferreira, en 2007, desde Viana do Castelo ata Santiago; o alcarreño Jesús Ángel Yela Gómez, en 2010, desde Oporto a Santiago, cuxa experiencia recolleu na que quizais foi a primeira publicación deste itinerario, “De Oporto a Santiago. Por el Camino Portugués de la Costa. Tras las reliquias del obispo Prisciliano” (2019), na que mestura a reflexión coa vivencia persoal. Tamén en 2009 faría este mesmo itinerario o xerundense Josep Escamilla, saíndo de Viana do Castelo cara a Compostela.
Para animar aos peregrinos, naquel 2009 e nos anos seguintes, o Concello da Guarda, presidido por José M. Domínguez Freitas, promoveu distintas actividades de promoción do Camiño, como as primeiras peregrinacións colectivas e por etapas, ao fronte das cales se encontraba o concelleiro Javier Crespo. Leváronse a cabo actuacións para orientar aos camiñantes; entre elas, o 10 de outubro de 2009, Freitas, Lomba, Crespo, Delgado e Ferreira marcaron por primeira vez, e sete anos antes da súa oficialización, este itinerario ao seu paso pola Guarda, sendo o primeiro dos concellos do Camiño Portugués da Costa que pintou as setas ideadas, en 1984, polo párroco do Cebreiro Elías Valiña Sampedro.
Posteriormente, inaugurouse na Semana Santa de 2011 o Albergue de Peregrinos e, en febreiro de 2023, sendo alcalde Antonio Lomba, instalouse a escultura de Santiago sedente entre as praias de Fedorento e Area Grande, realizada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra e xestionada por Montserrat Magallanes na súa época como deputada provincial.

Ningún comentario:
Publicar un comentario