23 de xul. de 2026

A GUARDA

O Pleno da Guarda abordará a aprobación da Conta Xeral de 2025 e un novo recoñecemento extraxudicial de créditos 


Casa do Concello de A Guarda
Foto: Infogauda

Infogauda/A Guarda

 O Concello da Guarda celebrará o vindeiro mércores 29 de xullo, ás 20.00 horas, na Casa do Concello, unha sesión ordinaria do Pleno, segundo a resolución de Alcaldía asinada este xoves, 23 de xullo.

 A orde do día inclúe un total de nove puntos, entre os que destacan a aprobación da Conta Xeral correspondente ao exercicio 2025 e un novo recoñecemento extraxudicial de créditos, o cuarto deste ano, que permitirá regularizar o pagamento de facturas ou gastos realizados sen consignación orzamentaria no momento da súa tramitación.  

 A sesión comezará coa aprobación das actas das sesións celebradas os días 20 e 27 de maio. A continuación darase conta dos decretos de Alcaldía ditados entre o 16 de maio e o 15 de xullo, así como dos reparos formulados pola Intervención municipal.

 Entre os asuntos de maior relevancia figura tamén a proposta de aprobación dos festivos locais para o ano 2027, unha decisión que deberá ser comunicada á Xunta de Galicia para a elaboración do calendario laboral.  

 O Pleno abordará igualmente o apoio institucional á declaración da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en solidariedade co pobo venezolano tras os terremotos que afectaron ao país, así como a aprobación inicial da modificación dos estatutos do Padroado do Monte Santa Trega, un dos órganos vinculados á xestión deste emblemático enclave patrimonial da Guarda.

 A sesión concluirá, como é habitual, coa quenda de rogos e preguntas formuladas polos grupos da corporación municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario