A 1ª Milla Urbana das Festas do Monte Santa Trega abríu o prazo de inscrición para todas as idades
Infogauda/A Guarda
A Comisión das Festas do Monte Santa Trega 2026 organiza a primeira edición da Milla Urbana das Festas do Monte Santa Trega, unha cita deportiva que terá lugar o vindeiro luns 3 de agosto, a partir das 17:00 horas, na Alameda da Guarda.
A proba nace coa intención de converterse nun referente deportivo dentro da programación das festas, promovendo a participación de atletas de todas as idades, desde os máis pequenos ata os veteranos.
O programa contempla diferentes categorías adaptadas á idade dos participantes. A categoría Pulgas, para nenos e nenas nacidos no ano 2021 e posteriores, percorrerá unha distancia aproximada de 100 metros. Os Xabaríns, nacidos entre 2019 e 2020, competirán sobre un percorrido duns 300 metros, mentres que as Lebres, para participantes nacidos entre 2015 e 2018, afrontarán unha distancia aproximada de 800 metros.
Pola súa banda, as categorías Gacelas, dirixidas aos nacidos entre 2009 e 2014, disputarán o percorrido completo da milla. Tamén o farán as categorías Elite, nas que competirán as categorías Promesa (nados entre 2004 e 2008), Sénior (nados en 2003 e anteriores) e os distintos grupos de veteranos: de 35 a 44 anos, de 45 a 54 anos e de 55 anos en diante.
As inscricións permanecerán abertas ata as 23:59 horas do 31 de xullo de 2026 e deberán formalizarse a través da páxina web www.cronotec.com.
O prezo da inscrición será de 3 euros para a categoría Elite e de 2 euros para o resto das probas.
A organización corre a cargo da Comisión das Festas do Monte Santa Trega 2026, coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e do Concello da Guarda, que apostan por impulsar unha actividade que combina deporte, convivencia e promoción dos hábitos de vida saudables no marco das tradicionais festas guardesas.
Con esta primeira edición, a Milla Urbana aspira a reunir a centos de participantes e afeccionados nunha tarde de atletismo popular, contribuíndo a enriquecer a programación das Festas do Monte Santa Trega e a consolidar un novo evento deportivo no calendario estival da vila.

Ningún comentario:
Publicar un comentario