28 de xul. de 2026

A GUARDA

A UNIDADE MÓBIL DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE VISITARÁ A GUARDA ESTE MÉRCORES, 29 DE XULLO 

 A unidade móbil instalarase na rúa Rosalía de Castro, diante do Centro Cultural, de 10:15 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas 


Infogauda/A Guarda 

 A unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) volverá visitar A Guarda este mercores, 29 de xullo, para facilitar á veciñanza a doazón de sangue, un xesto solidario que resulta imprescindible para garantir a atención sanitaria e salvar vidas. 

 Baixo o lema "Un alento de vida", ADOS fai un chamamento á cidadanía para participar nesta campaña estival, xa que durante os meses de verán as reservas de sangue adoitan descender debido ás vacacións e aos cambios nos hábitos da poboación, mentres que as necesidades hospitalarias continúan sendo constantes. 

 A unidade móbil instalarase na rúa Rosalía de Castro, diante do Centro Cultural, e atenderá ás persoas doantes en horario de 10:15 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas. 

 Dende ADOS lembran que unha única doazón pode contribuír a salvar ou mellorar a vida de ata tres persoas e que doar sangue é un proceso seguro, rápido e sinxelo. Para poder doar é preciso ser maior de idade, pesar máis de 50 quilogramos e atoparse nun bo estado de saúde. 

 Así mesmo, recoméndase acudir despois de almorzar ou, no caso de doar pola tarde, deixar transcorrer polo menos dúas horas dende o xantar. As persoas doantes deberán levar o DNI ou un documento identificativo e informar ao persoal sanitario no caso de estar a tomar algún medicamento. 

 Cada doazón é un alento de vida para quen máis o necesita e un pequeno xesto que pode marcar unha gran diferenza para moitas persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario