28 de xul. de 2026

A GUARDA

A GUARDA ULTIMA OS PREPARATIVOS PARA A CELEBRACIÓN DUNHA NOVA EDICIÓN DO GALIFORNIA BEAT 

 O festival celebrarase este venres, 31 de xullo e o sábado, 1 de agosto con entrada libre, concertos, competicións deportivas, talleres, exhibicións e unha zona gastro 



Infogauda/A Guarda

 A Guarda acolle esta fin de semana unha nova edición do Galifornia Beat, que converterá a contorna do parque de patinaxe, no gran punto de encontro da cultura urbana en Galicia. O festival celebrarase os días 31 de xullo e 1 de agosto cunha programación gratuíta dirixida a todos os públicos, na que se darán cita a músi ca en directo, o deporte urbano, os obradoiros e a gastronomía. 

 Ao longo de dúas xornadas, as persoas asistentes poderán desfrutar dunha intensa programación musical que reunirá sobre o escenario a Lie Detectors, Pelazo, Boston Babies, Thee Cha Cha Chas, Santos Morcegos!!!, Los Retumbes, Youcanthide, Crema Witch, Puto, Unfinished Grounds e Visera, ademais das sesións de DJ Pruden e DJ Furry Destroyer. 

 O deporte urbano volverá ser un dos grandes protagonistas do festival coa celebración das competicións de patinaxe nas modalidades bowl, street, best trick e chimpo, así como diferentes talleres e exhibicións de streetfootball, parkour, flatland, skateboard school e graffiti, pensadas para que persoas de todas as idades poidan achegarse a estas disciplinas. 

 Ademais, o recinto contará cunha ampla zona gastronómica con diferentes gastronetas, que completarán a experiencia nun ambiente festivo e familiar á beira do mar.

 O Galifornia Beat consolídase así como unha das grandes citas da Guarda e un referente da cultura urbana en Galicia, reunindo durante o venres e o sábado música, deporte e lecer nun mesmo espazo. 

 O Concello da Guarda e a organización do festival animan a toda á cidadanía guardesa e visitantes a achegarse ao porto para vivir dúas xornadas cheas de actividade, creatividade e diversión con entrada libre. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario