A POLICÍA LOCAL DA GUARDA INFORMA DE RESTRICIÓNS DE CIRCULACIÓN CON MOTIVO DAS FESTAS DE SAN CAETANO
• As restricións de tráfico estableceranse a partir das 18:00 horas dos días 31 de xullo e 1 de agosto, e haberá cortes puntuais durante a procesión do domingo 2 de agosto.
Infogauda/A Guarda
A Policía Local da Guarda informa que con motivo da celebración das Festas de San Caetano, estableceranse restricións de circulación e cortes puntuais de tráfico para garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento dos actos programados.
Así, a partir das 18:00 horas dos días venres, 31 de xullo e sábado, 1 de agosto, restrinxirase a circulación no tramo comprendido entre os cruces das rúas da Cal e San Caetano coa estrada de Circunvalación.
Con motivo destes cortes, habilitaranse itinerarios alternativos, que estarán debidamente sinalizados. Ademais, os axentes da Policía Local situados nos distintos puntos de corte informarán ás persoas usuarias da vía sobre os percorridos alternativos.
Pola súa banda, o domingo 2 de agosto, a partir das 13:00 horas aproximadamente, estableceranse cortes puntuais de circulación con motivo da celebración da tradicional procesión de San Caetano.
O Concello da Guarda solicita á veciñanza e ás persoas condutoras a súa colaboración, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e seguir en todo momento as indicacións da Policía Local. Así mesmo, agradece a comprensión ante as molestias ocasionadas, necesarias para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento das festas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario