2 de xul. de 2026

A GUARDA

PUNTO DE INFORMACIÓN E VENDA DE MATERIAL PROMOCIONAL DAS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA 2026 

 Xa está aberto na Alameda 


Onte tivo lugar a súa apertura e presentación das festas, que contou coa presenza do alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, e representantes da Comisión organizadora das Festas do Monte Santa Trega
Foto: CAG

Infogauda/A Guarda

 Xa está en funcionamento o punto de información e venda de material promocional das Festas do Monte Santa Trega 2026, situado na Alameda da Guarda, un espazo no que veciñanza guardesa e visitantes poden achegarse para coñecer todas as novidades desta edición e adquirir material conmemorativo da festa. 

 Neste punto de información están dispoñibles unha ampla variedade de produtos promocionais, entre os que destacan as camisetas e pañoletas oficiais, imáns, bolsas de tea, adhesivas e vasos conmemorativos sostibles, unha das principais novidades deste ano, pensados para contribuír a unha celebración máis responsable e respectuosa co medio ambiente, reducindo a xeración de residuos. 

 Ademais, tamén se atopa á venda o libro das Festas do Monte Santa Trega, unha publicación que recolle artigos de opinión, contidos sobre a historia da festa e do propio pobo, a programación completa, así como fotografías e outros materiais de interese que permiten afondar na tradición e identidade da celebración. 

 Onte tivo lugar a súa apertura e presentación das festas, que contou coa presenza do alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, e representantes da Comisión organizadora das Festas do Monte Santa Trega, que destacaron a importancia deste espazo como punto de difusión da programación festiva. 

 As Festas do Monte Santa Trega contarán cunha diversa programación do 1 ao 10 de agosto que incluirá exposicións, actuacións musicais, torneos de diversas disciplinas deportivas, o desfile de traxe rexional, o desfile folclórico e de bandas mariñeiras, así como a tradicional subida ao monte Santa Trega e a tirada de fogos artificiais, entre outras actividades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario