A Deputación avanza que este venres aprobará 185.000 € para substituír o céspede artificial do campo de fútbol de Ribadelouro, en Tui
• O deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero visitou estas instalacións, onde se van investir todos os recursos que Tui ten asignados a través do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
Foto: DPO
Infogauda/Tui
O deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero anunciou este mércores no campo de fútbol de Ribadelouro, en Tui, que a Deputación de Pontevedra aprobará este venres na Xunta de Goberno unha achega de preto de 185.000 euros para que o concello afronte a substitución do céspede artificial desta infraestrutura. Trátase da totalidade da contía que o concello ten asignada no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns para que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións xa existentes.
Con estes recursos, tal e como explicou o deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero, o campo de fútbol de Ribadelouro contará cun céspede artificial de nova xeración. Os traballos inclúen desmontar, retirar e amorear o equipamento e mais o sistema de drenaxe para a súa reposición unha vez rematen as obras, ademais do corte e retirada do céspede actual, do granulado de caucho e o recheo de area, así como tarefas de reparación e regularización na actual capa de soporte aglomerado, con especial atención ás zonas das esquinas.
Álvarez Carrero sinalou que “esta actuación demostra unha vez máis que o municipalismo e o deporte son prioridades irrenunciables para o goberno da Deputación de Pontevedra” e lembrou que “Pontevedra é a provincia do deporte e estamos destinando recursos como nunca antes na historia desta administración se fixera para modernizar as instalacións deportivas municipais a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas”. Neste eido, o deputado provincial remarcou que a través das tres convocatorias deste plan destináronse aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia 20 millóns de euros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario