O PSdeG-PSOE de Tomiño denuncia “escurantismo” na xestión do goberno local, tras acumular 28 reparos de Intervención nun ano
• A voceira socialista, Violeta de Santiago, xustifica o seu voto en contra na Comisión de Contas ante o fraccionamento masivo de contratos menores para evitar os concursos públicos
• A denuncia sinala irregularidades recorrentes en servizos como limpeza, informática, xardinería, xestión de residuos e proxectos urbanísticos, ademais do pago arbitrario de complementos de produtividade
Infogauda/Tomiño
O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño deu a voz de alarma ante a gravidade dos datos analizados na última comisión de contas. As concelleiras socialistas informan que o departamento de Intervención do Concello emitiu un total de 28 reparos de legalidade durante o último exercicio, unha cifra que evidencia unha práctica sistemática de adxudicacións "a dedo" por parte do goberno local, vulnerando as normas de contratación pública.
Segundo explica a formación socialista, estes reparos técnicos derivan de superar reiteradamente os límites económicos que fixa a Lei de Contratos do Sector Público para a contratación menor. Esta fórmula permite realizar adxudicacións directas sen concurso público, pero o goberno municipal de Tomiño recorre a ela de xeito continuo para beneficiar de forma reiterada ás mesmas firmas en servizos esenciais.
Entre os casos máis rechamantes atópanse facturas recorrentes de miles de euros en produtos de limpeza e lixivia, gastos recorrentes en soporte informático e xardinería, ou un custo aproximado de 6.000 euros mensuais polo tratamento de residuos voluminosos sen pasar por unha licitación aberta. Así mesmo, as concelleiras socialistas apuntan a proxectos urbanísticos adxudicados directamente polo límite legal de 15.000 euros, como o deseño da modificación do espazo público en Tebra.
A formación tamén afea ao executivo local a incoherencia de abonar mensualmente complementos de produtividade a determinadas traballadoras de forma arbitraria, mentres de cara ao público sostiñan reiteradamente que este tipo de retribucións eran ilegais.
Ante esta situación, a voceira do PSdeG-PSOE de Tomiño, Violeta de Santiago, confirmou o voto en contra do seu grupo municipal ás contas do Concello, tras un minucioso estudo do expediente. A voceira socialista foi tallante e lapidaria á hora de valorar o sentido do seu voto fronte a esta falta de transparencia na xestión dos fondos públicos:
"Votar a favor con 28 reparos sobre a mesa sería facernos cómplices do escurantismo", afirmou Violeta de Santiago.
O PSdeG-PSOE de Tomiño conclúe esixindo un cambio radical na xestión do Concello. Os socialistas lembran que o diñeiro dos veciños e veciñas de Tomiño merece unha administración que actúe con limpeza, total transparencia e garantindo a igualdade de oportunidades para todas as empresas, deixando atrás o amiguismo e as prácticas que esquivan a legalidade vixente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario