Oia abre o prazo de solicitude das autorizacións para as fogueiras de San Xoán ata o 18 de xuño
• As peticións deberán ser presentadas por particulares e para espazos de titularidade privada
Infogauda/Oia
O Concello de Oia informa de que xa está aberto o prazo para solicitar autorización para a realización de fogueiras de San Xoán en terreos privados con motivo da noite do 23 ao 24 de xuño.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata as 12.00 horas do día 18 de xuño. As autorizacións están dirixidas exclusivamente a particulares que desexen celebrar esta tradicional festividade en fincas privadas, xa que a realización de fogueiras en espazos públicos non está permitida.
Para obter a correspondente autorización, deberá presentarse unha comunicación no Rexistro Municipal, ben de forma presencial ou a través da sede electrónica do Concello, empregando o modelo normalizado dispoñible no taboleiro de anuncios da sede electrónica.
O Concello lembra que todas as cacharelas autorizadas deberán cumprir as medidas de seguridade establecidas na solicitude, co fin de garantir unha celebración segura e compatible coa protección das persoas, dos bens e do medio natural.
Así mesmo, as autorizacións concedidas quedarán automaticamente sen efecto no caso de que as autoridades competentes suspendan este tipo de actividades por razóns meteorolóxicas, de seguridade ou sanitarias. Tamén quedarán revogadas de maneira automática se o Índice de Risco Diario de Incendio Forestal (IRDI) sinala risco extremo de incendio para esa xornada.
O Concello anima á veciñanza a desfrutar desta celebración tan arraigada na tradición popular galega con responsabilidade e respectando todas as medidas de prevención e seguridade.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario