ATLETISMO
DOUS DEPORTISTAS DA SOCIEDADE ATLÉTICA DO TREGA PARTICIPARÁN NO CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB16 EN PISTA AO AIRE LIBRE
• Son Sergio Silva Souto, natural de Tomiño, que competirá na esixente proba dos 3.000 metros lisos, e Alba Vasconcellos Rodríguez, atleta guardesa, que tomará parte nos 1.000 metros lisos
Redacción Deportes/A Guarda
A Sociedade Atlética do Trega estará representada esta fin de semana no Campionato de España Sub16, que se celebrará os días 6 e 7 de xuño no Estadio Olímpico Camilo Cano da Nucía (Alacante), unha das citas máis importantes do calendario nacional para as novas promesas do atletismo español.
Os atletas do club que lograron a clasificación para este campionato son Sergio Silva Souto, natural de Tomiño, que competirá na esixente proba dos 3.000 metros lisos, e Alba Vasconcellos Rodríguez, atleta guardesa que tomará parte nos 1.000 metros lisos.
A clasificación para un Campionato de España supón un importante premio ao esforzo, a constancia e o traballo realizado durante toda a tempada. Ambos os deportistas demostraron unha gran progresión ao longo do ano, logrando as marcas mínimas necesarias para situarse entre os mellores atletas sub16 do panorama nacional.
"Desde a Sociedade Atlética do Trega queremos mostrar a nosa satisfacción e orgullo pola participación de Sergio e Alba neste campionato. Independentemente do resultado que consigan na Nucía, o simple feito de estar presentes nunha competición deste nivel xa representa un importante éxito deportivo e unha experiencia de enorme valor para a súa formación por ser noveis en Sub16", indicaron desde a entidade deportiva baixomiñota.
Alén de competir polos mellores postos, esta oportunidade permitiralles seguir crecendo como atletas, adquirir experiencia en grandes campionatos e compartir pista con algúns dos mellores deportistas de España da súa categoría.
Todo o club deséxalles moita sorte nesta importante cita nacional e confía en que desfruten ao máximo dunha experiencia que será, sen dúbida, un paso máis na súa traxectoria deportiva.
Parabéns, Sergio e Alba, e moita sorte no Campionato de España Sub16 en pista ao aire libre da Nucía!

Ningún comentario:
Publicar un comentario