5 de xuño de 2026

A GUARDA

O ALCALDE DA GUARDA, ROBERTO JOSÉ ÁLVAREZ CARRERO, VISITA O ALBERGUE O PEIRAO, NA CAMPAÑA DE APOIO AOS COMERCIOS LOCAIS DE NOVA APERTURA OU NOVA XERENCIA  

O establecemento, situado no porto da Guarda, ampliou recentemente a súa capacidade e aposta por un modelo de aloxamento sostible inspirado na tradición mariñeira da vila  


O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, con Fernando Álvarez Troncoso, novo xerente do albergue O Peirao, e persoas do seu equipo
Fotos CAG

Infogauda/A Guarda 

 O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, continúa coas visitas aos negocios de nova apertura ou nova xerencia do municipio dentro da campaña de dinamización do comercio e da actividade económica local.   

 Nesta ocasión, visitou o albergue O Peirao, situado na rúa Oliva, 43; nunha típica casa mariñeira construída en 1957, da que se conserva a fachada orixinal. O establecemento estrea nova xerencia e está xestionado actualmente por Fernando Álvarez Troncoso, quen aposta por ofrecer un servizo de calidade aos peregrinos e visitantes que escollen A Guarda como punto de descanso no Camiño.   

 O albergue conta actualmente con 24 prazas. Inicialmente contaba cunha habitación compartida de oito prazas e, tras a súa última ampliación, incrementou a súa capacidade con 16 novas prazas para dar resposta á crecente demanda. Entre os servizos que ofrece destacan unha cociña totalmente equipada, lavandería autoservizo e un pequeno xardín traseiro pensado para o descanso e a relaxación dos peregrinos.

  

Vista parcial das liteiras do albergue O Peirao

 A decoración interior do albergue constitúe un dos seus elementos diferenciadores. O espazo rende homenaxe á identidade mariñeira da Guarda a través de numerosos detalles inspirados nas tradicións locais. Para a súa creación contaron coa colaboración da Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda, que participou na elaboración de distintos elementos decorativos. Ademais, as liteiras e armarios individuais están identificados mediante marcas mariñeiras tradicionais, mentres que os murais artísticos que decoran o establecemento foron realizados pola irmá do xerente.   

 O Peirao incorpora tamén sistemas automatizados de acceso mediante códigos, combinados cun horario de atención presencial de 14:00 a 20:00 horas. Aínda que a maior parte das estancias se xestionan mediante reserva previa, o albergue procura acoller, se aínda ten sitio, a aqueles peregrinos que chegan á Guarda.   

 Segundo explica Fernando Álvarez, “o perfil dos visitantes varía ao longo da tempada. Durante os meses de primavera predominan os peregrinos procedentes de Alemaña, Polonia, República Checa e Italia, mentres que durante o verán aumenta a presenza de visitantes portugueses, estadounidenses e nacionais”.   

 Durante a visita, Roberto Carrero destacou a importancia de proxectos como O Peirao para fortalecer a oferta turística da Guarda e contribuír á dinamización económica do municipio. O alcalde felicitou a Fernando Álvarez polo traballo desenvolvido e pola súa aposta por un modelo de negocio sostible que pon en valor tanto o patrimonio mariñeiro como a hospitalidade característica da vila.   

 Dende o Concello da Guarda desexámoslle moito éxito nesta etapa e agradecemos o seu compromiso coa promoción turística e económica do municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario