O comercio do metal da provincia de Pontevedra vivirá este xoves un novo día de folga para forzar a negociación do convenio
• As rúas de Vigo acollerán unha nova manifestación dende o farol de Urzaiz ás 12:00h que rematará na praza da Estrela, a carón do edificio da Xunta
O sector do comercio do metal da provincia de Pontevedra está chamado a unha nova xornada de folga este xoves 21 de maio para forzar a negociación do convenio colectivo, que leva caducado dende hai ano e medio.
As centrais CIG, CCOO e UGT teñen prevista tamén unha manifestación en Vigo que arrincará dende o farol de Urzaiz ás 12:00 horas e rematará na praza da Estrela, a carón do edificio da Xunta. As conversas coa patronal rompéronse o pasado mes de xaneiro, despois de que os sindicatos con representación na mesa abandonaran a xuntanza ante a pretensión do empresariado de eliminar a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal.
Outra das propostas da patronal contempla suspender durante dous anos a aplicación do artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio, co obxectivo de evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte. Ademais, o incremento económico proposto pola parte empresarial non contempla cláusula de revisión salarial a IPC.
En consecuencia, o sector -que emprega a uns 10.000 persoas no conxunto da provincia- iniciou un calendario de mobilizacións que até o de agora incluíu tres xornadas de folga -convocadas conxuntamente co sector do metal os pasados días 7, 13 e 14- e numerosas protestas, tanto en Vigo como en Pontevedra.
Coincidindo co novo día de folga previsto para este xoves os piquetes informativos percorrerán dende primeira hora da mañá as principais empresas (recambios, concesionarios, etc) e polígonos industriais das dúas cidades e doutras localidades da provincia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario