20 de maio de 2026

PONTEVEDRA

Rafa Domínguez reivindica a relación entre Colón e Pontevedra 

 Na inauguración do Congreso Internacional co gallo do 520 aniversario do seu falecemento


O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este mércores na inauguración co Congreso Internacional sobre Cristovo Colón
Foto: DPO

Infogauda/Pontevedra 

 O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este mércores na inauguración co Congreso Internacional sobre Cristovo Colón que se celebra esta semana no Pazo da Cultura de Pontevedra co gallo do 520 aniversario do seu falecemento o ano 1506 en Valladolid, organizado pola Asociación Cultural Celso García de la Riega. O vicepresidente puxo o foco na “íntima ligazón de Colón coa nosa provincia”, sinalou que “desde a Deputación defendemos que o descubridor de América é pontevedrés” e lembrou tamén que “Baiona foi o primeiro lugar de Europa que soubo do descubrimento, aquel 1 de marzo de 1493”.  

 Rafa Domínguez remarcou que as xornadas permitirán coñecer a fondo as investigacións que sitúan as súas orixes na provincia, ou tamén a influencia da súa figura na historia, na cultura e na arte española, así como a autenticidade dos documentos dos Colón de Galicia. De feito, “cómpre lembrar que Pontevedra é a única cidade do mundo onde existen rexistros da familia desde antes do descubrimento”, outro dos sinais que apuntan a esa posibilidade. O vicepresidente da Deputación destacou que “estas xornadas nos afianzan como destino cultural, con Pontevedra como capital, ademais de arroxar algo de claridade sobre unha figura da que se ten falado moito, pero segue a ser moi enigmática”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario