23 de maio de 2026

PONTEVEDRA

A Deputación completa o espazo dedicado á Guerra Civil e o exilio no Museo de Pontevedra con novas obras de Arturo Souto e de Uxío Souto 

 Desde este mes sumáronse á exposición permanente dúas litografías que Arturo Souto realizou en Valencia en 1937 e “Campo de concentración” de Uxío Souto, un debuxo a cor cedido ata 2025 ao Museo Reina Sofía


O Museo incorporou en 2021 unha nova sección na que mostrar obras referentes á Guerra Civil e ao exilio en Galicia, contemporáneas dos debuxos dos tres álbums de guerra que realizou Castelao e cuxos orixinais tamén se exhiben no Museo
Fotos: DPO



Infogauda/Pontevedra

 A Deputación acaba de enriquecer o espazo que dedica na exposición permanente do Museo de Pontevedra a como os artistas galegos plasmaron a violencia da Guerra Civil e a represión desatada logo do golpe de estado de 1936. Desde este mes sumáronse dúas litografías máis de Arturo Souto, realizadas en Valencia en 1937, e o pequeno debuxo a cor “Campo de concentración”, que Uxío Souto realizou en 1944 e que ata 2025 estivo cedido para ser exposto no Museo Reina Sofía.  

 O Museo incorporou en 2021 unha nova sección na que mostrar obras referentes á Guerra Civil e ao exilio en Galicia, contemporáneas dos debuxos dos tres álbums de guerra que realizou Castelao e cuxos orixinais tamén se exhiben no Museo. Este espazo conta con obras de Federico Ribas, Arturo Souto e Uxío Souto, e agora increméntase con tres novas pezas destes dous últimos artistas.  

 De Arturo Souto, moi activo na defensa da República e exiliado desde 1939, incorpóranse dúas novas escenas de guerra. Trátase de dúas litografías pertencentes a un álbum que se descoñece se chegou a ser publicado e que probablemente se exhibiron en Valencia en marzo ou abril de 1937. Unha delas presenta o levantamento dun grupo de campesiños, con muíños típicos de La Mancha ao fondo. A outra recolle o momento en que un grupo de tres milicianos se protexe dos disparos durante o combate para atender a un compañeiro ferido.  

 Con estes son catro os gravados deste álbum de Arturo Souto que se exhiben no Museo de Pontevedra, e xunto a eles o debuxo “Escena de bombardeo en Madrid”, que estivo co “Guernica” de Picasso no pavillón español na Exposición Internacional des Arts et Técniques do 1937 en París e logo en Bruxelas.  

Campo de concentración  

 A outra peza que se incorpora é o debuxo a cor “Campo de concentración”, de Uxío Souto. O artista, que se dedicou principalmente á escultura, realizou esta obra en 1944, recollendo a súa experiencia no campo de concentración francés de Barcarés, no que el mesmo estivo internado cando fuxiu a través dos Pirineos. Esta obra fora cedida a finais de 2020 ao Museo Reina Sofía, onde se exhibiu ata o ano pasado. Recentemente expúxose na Residencia de Estudiantes de Madrid na mostra “Intolerancia. España en una Europa convulsa (1914-1945)”. Agora ingresa por primeira vez na exposición permanente, no Edificio Castelao.  

 Nesta mesma mostra na Residencia de Estudiantes participaron outros dous debuxos de Uxío Souto, “Cruce dos Pirineos” e “A véspera no campo de concentración”, nos que recolle outras escenas da súa saída ao exilio, e que agora volven pendurar das paredes do Edificio Castelao.  

 A sección sobre a Guerra Civil e o exilio complétase con esculturas de Uxío Souto e seis augadas do ilustrador vigués Federico Ribas. Ademais, o percorrido pola arte galega do século XX que ofrece o Museo permite achegarse á obra doutros artistas que se viron obrigados a marchar ao exilio, como Castelao, Maruja Mallo, Luis Seoane, Manuel Colmeiro ou Francisco Vázquez Díaz “Compostela”; que sufriron o exilio interior, como Carlos Maside e Manuel Torres; ou que foron asasinados, como no caso de Camilo Díaz Baliño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario