23 de maio de 2026

VIGO

FCC insiste en recortar a xubilación parcial na recollida do lixo de Vigo, que segue adiante coa folga indefinida 

 A empresa concesionaria ofrece tamén unha suba salarial do 5% en catro anos, mentres que o persoal reclama unha actualización de soldos a IPC 


Concentración de protesta do persoal de FCC, concesionaria da recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo
Foto: CIG

Infogauda/Vigo 

 Hoxe tivo lugar a terceira xuntanza entre FCC, concesionaria da recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo, e o comité de empresa para intentar desbloquear o conflito laboral aberto no marco da negociación do convenio colectivo. O paro indefinido previsto a partir deste domingo segue adiante ao insistir a compañía na pretensión de recortar a xubilación parcial e ofrecer unha suba salarial insuficiente. 

 Segundo explican dende a representación do cadro de persoal, as posturas seguen moi distanciadas porque a proposta de FCC segue sen consolidar a xubilación parcial, “xa que esta sería sen dispensa, polo que de facto iríamos até os 63 anos e medio e non aos 63 co 100% da prestación como na actualidade, que é un dereito que temos consolidado dende hai 20 anos”. 

 Ademais, a concesionaria pretenden unha suba de soldos que está moi lonxe do IPC, como reclama a parte social: 0% para este ano, 1, 5% para 2027 e 2028 e 2% en 2029, e sen revisión salarial, o que suporía que as nóminas se incrementarían moi por debaixo do que o fai o custe da vida. 

 “En consecuencia, vémonos na obriga de manter a folga indefinida convocada a partir das 6:00 horas deste domingo día 24”. Con todo, dende o comité trasladan a súa disposición a seguir negociando, pero deixan moi claro que o mantemento da xubilación parcial tal e como está e unha actualización de salarios a IPC real son reivindicacións ás que o cadro de persoal non ten pensado renunciar. 

 Polo que o pasado luns varios centos de persoas traballadoras de FCC desenvolveron unha primeira mobilización diante das oficinas da empresa na rúa Tarragona de Vigo ao berro de “Convenio digno, o lixo en loita”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario