A Feira do Libro do Porriño celebra este domingo o Día das Letras Galegas
• Coa presentación da novela de Alba Formoso Ramos que asinará exemplares da súa primeira novela, Entre incienso y recuerdos, na caseta da libraría Porto este domingo, 17 de maio ás 12.00 horas
Redacción/O Porriño
O Porriño vivirá este domingo, unha xornada especial arredor dos libros e da cultura galega coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. A programación da Feira do Libro do Porriño contará, entre outros actos, coa presenza da escritora ourensá Alba Formoso Ramos, que asinará exemplares da súa primeira novela, Entre incienso y recuerdos, na caseta da libraría Porto este domingo, 17 de maio ás 12.00 horas.
A autora chega ao Porriño da man da editorial coruñesa Hércules de Ediciones, que publica esta obra debut centrada nos sentimentos asociados ao primeiro amor, a perda e a memoria emocional. A novela presenta a historia de Alicia e Mario, dous mozos que constrúen unha relación marcada polas viaxes, as cancións, as cartas e as conversas profundas, ata que a vida os obriga a separarse.
Segundo explica a editorial, Entre incienso y recuerdos aborda “os espellismos do amor romántico, o duelo e a procura dun mesmo cando os recordos se converten na única forma de entender e de vivir”. A obra tamén reflexiona sobre “a perda da inocencia emocional” e sobre como o amor pode permanecer mesmo despois da ruptura.
A cita literaria coincidirá ademais cunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego, o Día das Letras Galegas, que cada 17 de maio reivindica a lingua e a literatura propias. A celebración converterá este domingo a Feira do Libro do Porriño nun punto de encontro para lectores, autores e profesionais do sector editorial galego.

Ningún comentario:
Publicar un comentario