20 de maio de 2026

O ROSAL

O Rosal fai florecer a creatividade nos seus Obradoiros de Primavera   

  Aberta a inscrición para participar no taller para crear unha horta na fiestra con Biophilia o sábado 30 de maio. Prazas limitadas  




Infogauda/O Rosal

 As ventás poden converterse en pequenas hortas cheas de vida, aroma e sustentabilidade. O Rosal continúa facendo medrar os seus Obradoiros de Primavera cunha nova proposta para aprender, crear e conectar coa natureza a través dun taller práctico para elaborar unha horta de plantas aromáticas na fiestra utilizando caixas de viño recicladas. 

 A actividade celebrarase o sábado 30 de maio ás 10.00 horas no quiosco dos Muíños do Folón e do Picón, da man de Biophilia Axencia Ambiental e permitirá ás persoas participantes crear a súa propia xardineira reutilizando materiais e coñecendo de preto os beneficios das plantas aromáticas tanto na horta como no día a día. 

 Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “os Obradoiros de Primavera son unha forma diferente de aprender e compartir coñecementos, combinando creatividade, sustentabilidade e convivencia nun entorno privilexiado”. A rexedora salientou ademais que este tipo de iniciativas “axudan a achegar hábitos máis responsables e conscientes á veciñanza dun xeito participativo e accesible”. 

 Durante o obradoiro, o público aprenderá técnicas básicas de cultivo de aromáticas en macetas, as necesidades específicas de cada especie, as asociacións beneficiosas entre plantas e a importancia destas especies na agricultura ecolóxica como repelentes naturais de pragas e aliadas dos polinizadores. Ademais, tamén se afondará nos usos culinarios e medicinais das diferentes plantas. 

 A parte práctica permitirá preparar e decorar unha caixa de viño reciclada con pinturas ou pirógrafo para convertela nunha pequena horta doméstica. Cada participante cultivará no seu interior tres especies aromáticas escollidas segundo os coñecementos adquiridos durante a sesión e elaborará tamén letreiros identificativos reutilizando materiais. 

 O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, subliñou que “este taller representa perfectamente o espírito dos Obradoiros de Primavera: actividades útiles, creativas e abertas a toda a veciñanza, pero cunha especial prioridade para a mocidade menor de 30 anos”. O edil destacou tamén a importancia de “crear espazos nos que aprender facendo, compartir experiencias e fomentar valores como a sustentabilidade e o consumo responsable”. 

 A iniciativa forma parte da programación de Obradoiros de Primavera impulsada polo Concello do Rosal, unha proposta pensada para fomentar actividades formativas, culturais e creativas que impulsen o talento, a participación e o lecer activo. 

 O taller contará con prazas limitadas para 15 persoas e terá un prezo de 15 euros. As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición a través da ligazón habilitada polo Concello. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario