As persoas propietarias de terreos en Mougás poden solicitar a Seaga a limpeza bonificada nas faixas secundarias
Infogauda/Oia
O Concello de Oia informa á veciñanza de que a parroquia de Mougás está incluída como parroquia priorizada no Plan de Prevención de Defensa contra os Incendios de Galicia (Pladiga). Esta consideración, declarada tras o incendio sufrido na zona das Mariñas o verán pasado, permite acceder a tarifas bonificadas na limpeza de terreos situados en faixas secundarias da parroquia afectada.
Co fin de facilitar información e atención á veciñanza propietaria de terreos na parroquia de Mougás, as persoas interesadas en realizar consultas ou solicitar cita para formalizar contratos de xestión con SEAGA, e así acceder á tarifa bonificada, poden contactar co Concello de Oia no teléfono 986 36 21 25.
A Administración local subliña a importancia de manter as parcelas limpas e en condicións adecuadas antes do 31 de maio, tanto por responsabilidade legal como por seguridade, contribuíndo así á protección das vivendas, do territorio e da propia veciñanza fronte ao risco de incendios forestais.
Ademais, lembra que na web municipal está dispoñible un visor de faixas secundarias, a través do cal pode consultarse de maneira sinxela se unha parcela está afectada por estas obrigas de xestión da biomasa. Estas faixas sitúanse nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano de núcleo rural e urbanizable.

Ningún comentario:
Publicar un comentario