Tomiño planifica solucións para Carregal cun novo proxecto de ampliación do saneamento e mellora das inundacións
• O Concello captou fondos europeos do Plan EDIL do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana para esta iniciativa que suporá un investimento de 600.000 euros
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Tomiño busca anticiparse aos riscos para protexer á veciñanza e ao territorio. O Concello está a avanzar na redacción dun novo proxecto para Carregal de Abaixo que permitirá ampliar a rede de saneamento e dar resposta ás problemáticas de inundacións detectadas na zona.
Esta actuación nace coa prioridade de reforzar o saneamento, así como a seguridade das vivendas tras os episodios de enchentes rexistrados nos últimos tempos, apostando por solucións técnicas baseadas nos estudos realizados por distintos equipos de enxeñería. O obxectivo é actuar de maneira integral para minimizar riscos e mellorar a calidade de vida da veciñanza.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “a seguridade das persoas e das súas vivendas é unha prioridade absoluta, e por iso estamos a traballar con rigor técnico para dar solucións reais a unha problemática que preocupa á veciñanza”. A rexedora destacou tamén que “este proxecto é froito dunha planificación seria e dun traballo previo de análise que nos permite actuar con garantías e pensando a longo prazo”.
Cun investimento previsto de 600.000 euros, o Concello captou fondos europeos do Plan EDIL do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana para esta actuación que se suman aos 400.000 euros que xa se están a executar na zona, reforzando así o compromiso municipal coa mellora das infraestruturas e coa adaptación do territorio fronte aos efectos das condicións climáticas adversas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario