Valentín Carrera vai presentar en Tui o libro “El mundo desde abajo” sobre a primeira viaxe a Australia de Rosendo Salvado
• Este venres, 17 de abril, ás 20:00 horas, o Espazo sociocultural, da rúa Camilo José Cela
• Esta obra recibiu o I Premio Altaïr de Literatura de Viaxes
Infogauda / Tui
Este venres, 17 de abril, ás 20:00 horas, o Espazo sociocultural, da rúa Camilo José Cela, acollerá a presentación do libro “El mundo desde abajo” de Valentín Carrera. A obra relata a vida do benedictino tudense Frei Lucas José Rosendo Salvado Rotea (Tui, 1 de marzo de 1814 – Roma, 29 de decembro de 1900) seguindo o fío da súa primeira viaxe, en compañía do beneditino catalán José Serra, con quen fundou a misión de New Norcia, que perdura ata os nosos días. Esta obra acadou o pasado mes de xaneiro o I Premio Altaïr de Literatura de Viaxes recoñecendo o xurado que “El mundo desde abajo” resulta «o exemplo perfecto do que debe ser un libro de viaxes». Este galardón, impulsado pola librería Altaïr xunto á editorial Folch & Folch, naceu coa vontade de recoñecer unha literatura de viaxes que vaia máis aló do desprazamento físico: unha mirada crítica e aberta ao mundo. O pasado día 9 de abril, Valentín Carrera recibiu este galardón nun acto celebrado en Barcelona.
A presentación deste venres contará coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, e cunha conversa entre o autor, Valentín Carrera, e o historiador tudense, Rafael Sánchez Bargiela, na que analizarán este libro e a inxente obra deste tudense universal que é Rosendo Salvado.
“El mundo desde abajo” relata, especialmente, a primeira expedición de Salvado cara a Australia que partiu de Gravesend (London) en setembro de 1845, a bordo da fragata Elizabeth, e chegou a Fremantle o 7 de xaneiro de 1846, tras catro meses de travesía. É entón cando empeza a verdadeira aventura de Salvado como explorador, remontando o curso do Swan River e adentrándose no bush, a selva australiana, onde aprende falas aborixes e se mete na pel dos indíxenas.
O que converte a Salvado nun personaxe excepcional, segundo Valentín Carrera, non é só a súa biografía, senón o seu xeito de estar no mundo. En plena expansión colonial, nun contexto de violencia e desposesión contra os pobos indíxenas, Salvado convive coas comunidades indíxenas, defende a súa dignidade fronte aos abusos e se converte en «o amigo dos yued e os noongar», considerados entón polos colonizadores como subhumanos, sen alma.
No seu relato, Carrera destaca a actualidade de Salvado, un humanista ilustrado que se anticipa á globalización pola súa defensa da educación, o seu respecto polas culturas indíxenas, a súa oposición á escravitude e a súa sensibilidade cara á igualdade da muller. Máis que impoñer a súa cultura ou a súa relixión, Salvado intenta comprender «ao Outro», aprende a súa lingua e intégrase nas súas tradicións e costumes.
O título do libro remite a este cambio de perspectiva. “El mundo desde abajo” alude tanto á mirada desde Australia —o hemisferio sur, tradicionalmente situado «abaixo» nos mapas europeos— como á vontade de cuestionar o punto de vista dominante. Carrera observa a historia desde as antípodas e desde as marxes xeográficas e sociais, desde abaixo, en coherencia coa traxectoria de Salvado.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, este libro ofrece unha mirada crítica e sensible: un acto de empatía e reflexión que nos invita a comprender o mundo —ancho e alleo— e de volta, entender mellor a nosa propia realidade, pois Valentín Carrera métese na pel do misioneiro para construír este texto de gran interese e calidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario